SEMANARIO

#Sermos309: Elas tamén son mártires: as rapadas e violadas

[Imaxes: "Nome e Voces", "A memoria das mulleres" e SG

Con motivo do Día da Galiza Mártir dedicamos as primeiras páxinas do número 309 de Sermos Galiza á memoria, unha temática que permanece sempre presente na axenda deste medio. Ademais de publicar un mapa con distintos actos de homenaxe, incluímos no semanario unha ampla reportaxe sobre un dos aspectos da represión máis ocultos: os crimes sexistas.

O Sermos Galiza 309 abre cunha reportaxe sobre a vixencia do Día da Galiza Mártir e cun mapa cos principais actos de conmemoración desta xornada reivindicativa, que ten lugar a sexta feira, con motivo do aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda.

 

Continuamos mergulladas e mergullados na memoria cunha reportaxe a catro páxinas sobre un dos aspectos menos coñecidos da represión, aquela que sufriron de maneira específica as mulleres. Rapas, inxestas de rícino e violacións son algunha das prácticas cruentas que recollemos nunha información asinada por María Obelleiro que conta coas impresións de Xulio Prada, Montse Fajardo, Dionisio Pereira, María Xesús Escudeiro e Xosé Ramón Ermida.

 

Na sección de política, debullamos o modelo territorial de Portugal e Catalunya que, ao contrario que na Galiza, se adapta á realidade destes países, mentres que en Internacional entrevistamos Jabier Salutregi, ex director de Egin, xusto cando veñen de facerse vinte anos do feche xudicial deste diario. A actualidade política de Venezuela após o intento de atentado contra Nicolás Maduro completa a sección.

 

As páxinas económicas dedicámolas á chamada economía circular, mentres que abrimos o Fóra de Serie coas recomendacións do crítico literario Mario Regueira para o que resta de verán. A literatura tamén é protagonista da entrevista principal da sección cultural, pois entrevistamos Antía Yáñez. Completan a sección as críticas de cinema e literatura e a sección mensual de fotografía.

 

O Caderno de Verán, dedicado a Allariz, os cadriños de Tokio e Latuff, os artigos de opinión de María Pilar García Negro e Xavier Queipo e a sección A ollo nu, de Xoán Costa, completan a oferta desta semana.

 

O semanario pode adquirise a partir de hoxe nesta ligazón ou a partir de mañá nos quiosques.