Tamén hoxe, máis atrasos e incidencias no tren na Galiza

Pasaxeiras agardando esta cuarta feira polo tren na estación de Vilagarcía (Foto: Nós Diario)

O Tren Avant 9470 Ourense-Compostela-A Coruña saíu con media hora de atraso, algo que tamén aconteceu en trens na liña do Eixo Atlántico.

Os atrasos e incidencias varias que afectan centos de usuarios e usuarias do tren na Galiza estanse a converter nalgo xa habitual. Tamén hoxe, cuarta feira, a xornada ferroviaria comezou con demoras de máis de media hora nalgúns trens, na liña Ourense-Compostela e tamén nas do Eixo Atlántico, xerando de novo malestar entre os pasaxeiros.

O Tren Avant 9470 Ourense-Compostela-A Coruña saíu con media hora de atraso, o que condicionou a hora de partida do tren das 8 horas da Coruña cara a Vigo, que deixou a estación coruñesa con 35 minutos de demora.

Ademais, e segundo informan desde as plataformas de usuarios, houbo unha avaría non tren Rexional 12480 de Vigo a Compostela á á altura de Vilagarcía. "Transvasamento de viaxeiras ao Tren MD 9082 Vigo A Coruña que rexistra +15 minutos de demora".

Chove sobre mollado, indican desde as plataformas de usuarios. Na tarde da terza feira houbo atrasos medios de ao redor de media hora en boa parte dos trens, reproducindo así as incidencias da mañá e da segunda feira. A isto engaden que a web e a app de Renfe “non están dispoñíbeis” polo que a falta de información acrecenta o malestar.

A circulación ferroviaria na liña León-A Coruña, entre as estacións de San Clodio e Freixeiro, que estaba interrompida desde esta terza feira debido a un desprendemento, foi restabelecida a pasada madrugada, segundo informaron fontes de Adif. Sobre as 3:45 horas desta cuarta feira, a liña ferroviaria nese tramo (de vía única) xa quedaba operativa, despois de que operarios de Adif estivesen traballando na zona para retirar a terra e rochas da vía, e para repor varios vans de catenaria.

As plataformas de usuarios e usuarias do servizo ferroviario na Galiza, Media Distancia e Perder O Tren, reclaman unha “resposta rápida e eficaz” do Goberno de España, titular do servizo, do operador ferroviario Renfe e do administrador ferroviario Adif, ante a falta de regularidade, fiabilidade e dotación de prazas e reclaman a asunción de responsabilidades por parte das autoridades e xestores do servizo.

As persoas usuarias queren insistir na situación de prexuízo e indefensión que sofren tras o agravamento desde a semana pasada dos atrasos “sistemáticos” na Galiza, das avarías tanto de orixe Renfe como de Adif e das limitacións de persoal que sinalan sindicatos, que están a ocasionar numerosas supresións de servizos, comprometendo en definitiva o servizo e prexudicando miles de persoas a diario.

“Esta situación é insostíbel para as persoas usuarias, tanto recorrentes como puntuais, que acusan malestar psicolóxico e afrontan consecuencias negativas nos seus centros de traballo e estudos á vez que non contan cunha alternativa de transporte competitiva en tempos para a enorme mobilidade ferroviaria interprovincial galega”, indican ambos os dous colectivos nun comunicado conxunto.