Tamén as cidades galegas van ‘vellas’

[Imaxe: SG] Unha rúa do Ensanche, en Compostela.

Nas sete principais poboacións galegas hai máis poboación maior de 64 anos que menor de 20.

A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento dan boa conta disto, como lembnra o Instituto Galego de Estatística (IGE)

No referido ao primeiro deles, a idade media dos e das habitantes da Galiza é de 47,2 anos. A idade media nas sete ciudades galegas tamén supera os 40 anos, máis, con todo, e agás no caso de Ferrol, este indicador sitúase por debaixo da media galega.

A cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 44,1 anos en 2019.

O índice de envellecemento mide a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos. Na Galiza no ano 2019 toma o valor 158,2, o que quer dicir que, por cada 100 menores de 20 anos hai aproximadamente 158 persoas de 65 ou máis anos.

Os sete grandes concellos galegos presentan valores máis baixos neste indicador que a media galega, agás Ferrol, que, cun índice de 188,1, supera ao galego.

O concello co índice de envellecemento máis baixo é Pontevedra, onde a relación é de 106,1. Con todo, nos sete grandes concellos o indicador está por riba do 100%, o que implica que hai máis poboación maior de 64 anos que menor de 20.

A pirámide demográfica asusta. A poboación galega maior de 65 anos representa 25% do total e duplica a porcentaxe dos menores de 16 anos, até o punto de non superar estes o 12% do conxunto do censo en 244 municipios.

Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan as menores de 30 anos en 233 concellos galegos, significan o 40% do número total de residentes en 78 localidades e superan o 50% en Calvos de Randín, Gomesende, O Irixo, Lobeira, San Xoán de Río, A Teixeira, Verea e O Bolo.

As excepción son, unha vez máis, as áreas metropolitanas das principais cidades do Eixo Atlántico e algunhas localidades costeiras das Rías Baixas.