Unha tala de eucaliptos dana a ‘aldea maldita’ de Abuín

Epicentro de lendas e contos populares, o lugar rianxeiro protagonizou desde un dos contos do ‘Cousas’ de Castelao até programas de Iker Jiménez.

Unha tala de eucaliptos danou dúas das cinco construcións que fican da ‘Aldea Maldita' de Abuín, un lugar da parroquia rianxeira de Leiro, deshabitados desde hai moito tempo e epicentro de non poucas lendas e contos populares que mesmo sobrepasaron as fronteiras de Galiza. A noticia deuna esta fin de semana a sección de Barbanza de La Voz de Galicia, informando que esa tala afectara a edificios de dita aldea. Un deles, a antiga capela.

 

“Este lugar acolle numerosas lendas que explican o seu despoboamento. Aínda que a máis probable fora a chegada dunha epidemia ou praga que decimara a poboación, tamén se fala dun ataque por parte dos viquingos. Pero a lenda que ten máis peso fala dunha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ao cura para que o escondese. O cura morreu esa mesma noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recuperar o tesouro para devolvelo ao mosteiro, e así librarse da maldición, nunca máis foi localizado e os poucos que sobreviviron decidiron fuxir do lugar. Contan que o tesouro está soterrado baixo unha das casas que aínda conserva parte da súa estrutura e que antigamente fora a cape ”, recóllese no portal Patrimoniogalego.net.

 

Castelao, rianxeiro, recolleu no relato ‘Camiño esquecido’ do libro ‘Cousas’. “Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente”.

 

Até Iker Jiménez, xornalista especializado no ‘paranormal’, ten dedicado programas a este lugar da parroquia de Leiro, non sempre acertadamente (“Ata o pobre topónimo está maldito, seica. Segundo o programa do Riguroso Íker, Abuín é un “nombre de mal agüero” (!!)” afirmaba Manuel Gago, dixulgador do patrimonio, no seu blog)