"A sustentabilidade non é nin será posible desde o neoliberalismo”

Lidia Senra, Jose Manuel Buceta (esquerda) e Pedro Mota e Costa (Foto: AGE Europa)

A eurodeputada Lídia Senra defende que a sustentabilidade ambiental, social e económica na Galiza só pode acadarse desde unha “perspectiva nacionalista e de esquerda”,  durante a xornada de análise ‘A xestión sustentábel do territorio. Debate para avanzar na Galiza e Europa’.

A Casa das Campás en Pontevedra acolle este sábado unha xornada centrada na sustentabilidade, unha reflexión sobre como conseguir unha xestión máis sustentábel desde as políticas públicas,  tendo o despoboamento do rural, a xestión dos recursos hidrolóxicos, enerxéticos e o abandono do patrimonio arqueolóxico como temas centrais de debate.


A eurodeputada Lídia Senra, organizadora do evento xunto as asociacións Anova Terra, Irmandade Illa de Tambo, Umia Vigo, Plataforma pola Defensa do Patrimonio Termal e o Colectivo pola Defensa do Patrimonio A Forneiriña, foi a encargada de dar inicio ao acto cunha crítica das medidas dos gobernos neoliberais que considera incompatíbeis cun país sustentábel.  
 

“A sustentabilidade non é nin será posible desde unha perspectiva neoliberal. Todas as políticas que o neoliberalismo puxo en marcha baixo o nome de sustentábeis en realidade foron encamiñadas a pór os recursos dos pobos en mans das multinacionais e polo tanto, de sustentábeis non teñen nada”, afirmou a eurodeputada integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica.


Senra considera que a actual situación está provocada “polo desleixo e o abandono” a nivel institucional. Un desleixo que considera premeditado. “A decisión política das administracións de non actuar, de deixar que todo o territorio se deteriore. Levan moitos anos, tanto as institucións europeas como as estatais e as galegas poñendo os nosos recursos en mans alleas ao noso pobo. Para iso precisan baleirar o medio rural, cousa que están facendo a través das políticas agrarias, forestais e co desmantelamento dos servizos públicos básicos”, salientou. 
 

"Para iso precisan baleirar o medio rural, cousa que están facendo a través das políticas agrarias, forestais e co desmantelamento dos servizos públicos básicos”, afirma Senra.


Nese sentido, recordou as diferentes loitas que emprendeu a veciñanza do país en defensa dos seus recursos, como as realizadas contras os embalses. “O pobo intentou que non se asolagasen os nosos vales e que non se entregaran ás grandes hidroeléctricas”, exemplificou Senra. Defendeu que só desde “unha perspectiva nacionalista e de esquerda, pensando en clave nacional, social e de país, se poden dar solucións a esta problemática. Se non somos quen de poñer alternativas enriba da mesa, ninguén o vai facer por nós”.
 

Na xornada tamén interveñen  Pedro Mota e Costa, chegado de Portugal, docente de Ensino Superior e asesor de Xestión Autárquica e Finanzas Locais; Eduardo José Corbelle Rico, enxeñeiro de Montes e profesor universitario de Enxeñaría Agroforestal no Campus de Lugo;Belén Fervenza, responsable do sector de horta, froita e flor do Sindicato Labrego Galego; María Ángeles Ríos Pintos, da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra; Heitor Picallo Fuentes, membro da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis e Caldas de Reis; Telma Lago Rodríguez, da Cooperativa Nosa Enerxía; Antonio Costa, presidente da Asociación Irmandade Illa de Tambo e Xesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación Umia Vivo.