Suspendido o xuízo a Emilio Cao ao non comparecer un dos policías

O mozo do Carballiño estivo arroupado en Madrid por ducias de persoas que se desprazaron desde Galiza.  A vista realizarase o vindeiro 25 de xuño

O xuízo contra Emilio cao, o mozo do Carballiño para o que a Fiscalía pide 5 anos de prisión “por 'agresión e atentado á autoridade' nas Marchas da Dignidade de 2014, non se realizou. Segundo informan desde a Plataforma pola absolución de Emilio Cao, a vista non tivo lugar ao non presentarse unha das policías que ía como testemuña. A vista será o 25 de xuño. O xuízo contra Emilio Cao, un mozo galego de 22 anos que participou en 2014 nunha Marcha da Dignidade en Madrid, quedou aprazado ante a incomparecencia dun dos policías supostamente agredidos polo acusado, que se atopa de baixa por maternidade.

 

 Con todo, afirman desde este colectivo, ducias de persoas acompañaron Emilio Cao nos Xulgados madrileños. O mozo declarou sentirse “nervoso”, mais agradeceu as mostras de apoio e solidariedade. “A miña condena quere acabar con toda disidencia política”, afirmou.

 

O portavoz da Plataforma de familiares e amigas de Emilio Cao, Pepe Arias, salientou que “a Galiza que se move está presente en Madrid para reivindicar a libre absolución, tras catro anos de espera e coa confianza de que se resolva positivamente». 
 

O manifesto pola absolución de Emilio Cao conta co apoio de representantes políticos de En Marea e o BNG e o apoio expreso dos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Ferrol, Jorge Suárez; A Coruña, Xulio Ferreiro; Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Pontevedra e Carballiño, Francisco Fumega, xunto con personalidades destacadas da sociedade civil en Galiza que suman xa máis de 700 sinaturas.