Suspendido o xuízo contra 4 activistas que se opuxeron ao despexo de Aurelia

[Imaxe cedida pola plataforma]

A policía non especificou cal é o delito que lles imputa. Unha visita de estudantes do colexio privado Peñarronda, vinculado ao Opus Dei e financiado pola Xunta, fixo que familiares e persoas que quixeron solidarizarse coas e co acusad@s tivesen que ficar fóra da sala do xuízo


O xuízo datado para esta quinta feira contra 3 activistas que se opuxeron ao despexo da anciá coruñesa Aurelia Rey o 18 de febreiro non se puido realizar porque a acusación, a policía española, citoun@s para comparecer acusad@s "dun delito sen especificar".

A defensa alegou unha situación de indefensión na maneira en que o xulgado tramitou o caso, ao non poder aportar argumentos para desmentir a participación d@s imputad@s nuns feitos que descoñecían. A xuíza viuse obrigada a suspender a vista, segundo explicou un dos avogados, Antonio Vázquez, a Sermos Galiza

Para alén desta situación, o propio Vázquez presentou antes de se iniciar o xuízo un recurso reclamando que fose suspendido ao non admitir unhas probas presentadas pola súa defendida. Reclamou sobre tal decisión, polo que até que lle respondan a reclamación non debera celebrarse a vista.

Cómpre destacar que, unha vez recibida a resposta ao recurso, Vázquez ten aínda posibilidade de reclamar perante a Audiencia Provincial. Aliás, dúas das persoas imputadas na causa non recibiran copia do atestado, feito que o letrado cualifica tamén de "indefensión".

A sala ateigada de alumn@s dun instituto do Opus

Por volta dun cento de persoas déronse cita ás portas dos xulgados para lles transladaren a súa solidariedade ás persoas imputadas. Intentaran facelo xa autoinculpándose dos mesmos feitos, desobediencia á autoridade, mais un erro ao colocar o número do procedemento fixo que os escritos remitidos ao xulgado de instrución nº3 da Coruña foran devoltos. Porén, tampouco se aceptaron as autoinculpacións que indicaban correctamente "xuízo de faltas nº618/13", das persoas que se opuxeron ao despexo de Aurelia. 

Así as cousas, cando un grupo d@s manifestantes intentou acceder á sala de vistas para presenciar o xuízo atopouse cunha casual visita de estudantes de Peñarronda, un instituto privado vinculado ao Opus Dei que rexeita as mulleres ao discriminar por sexos. É un dos cinco agraciados con 3 millóns de euros ao ano procedentes do diñeiro público da consellaría de Educación. O alumnado ocupaba a sala, permitindo unicamente a entrada doutras sete persoas. Entre elas estiveron o deputado do BNG, Francisco Jorquera, e o concelleiro na cidade herculina por esta mesma formación, Xosé Manuel Carril.

Identificación a "catro antisistema"

Unha vez suspendido o xuízo, cando @s activistas se dispuñan a abandonar o edificio dos xulgados, atoparon no segundo andar con varios axentes da policía española. "Parou un grupo e pediulles a identificación a dous mozos, que casualmente non eran da Galiza senón que estaban de visita" e foron acompañar un parente que si fixo parte das mobilizacións contra o desafiuzamento. A policía explicou que "foi a brigada de información a que deu orde de identificar catro antisistema e en particular estes dous", un argumento que leva á plataforma Stop-despexos a pensar que se trata dunha medida "de control" sobre quen participa nestes actos e que eran eses dous mozos os únicos aos que non coñecían.

"Fomos todos darlle os nosos carnés e non os quixeron. A un compañeiro dixéronlle que xa sabían de sobra quen era, que non lles cumpría identificalo", continuan explicando desde a plataforma, salientando que o proceder dos axentes "é propio dun estado policial que lembra a ditadura". O avogado Antonio Vázquez ve nestas identificacións "máis unha indefensión material" e acrecentou que pedir a documentación "de maneira totalmente indiscriminada" a persoas que asisten a un xuízo "está fóra de lugar".

Queda un mes para lle atopar unha vivenda a Aurelia

O vindeiro 1 de maio remata o prazo fixado no acordo que Aurelia Rey asinou coa familia Pereira, propietaria do inmoble en que vive desde hai máis de trinta anos, para que o abandone voluntariamente, sen executar o despexo. "Hai un grupo de persoas dentro da plataforma que se dedican a buscar pisos" ao tempo que procuran axudas económicas que lle permitan á anciá facerlle fronte ao alugueiro. "Non están nada baratos", acrecentan desde Stop-despexos, motivo polo que Aurelia visitou a zona de Eiriz, onde a Xunta lle ofrecía un piso e que ela rexeitara polo desarraigamento social e as dificultades que para unha persoa de 85 anos suporía vivir tan arredada do centro da cidade. 

A plataforma traballa contrarreloxo para atopar un inmoble que a muller poida pagar e que evite tamén arrincala do lugar onde fixo vida durante tres décadas. Se o 1 de maio Aurelia non abandonase o noveno andar do nº9 da rúa Padre Feijóo, para alén de se executar o desafiuzamento a familia Pereira emprendería accións legais contra as tres persoas que rubricaron o acordo: o avogado Antonio Vázquez, un activista de Stop-despexos e a propia Aurelia.