Suspendidas as operacións non urxentes no CHUO ante o aumento de ingresos por Covid-19

Vista do Hospital de Ourense (Imaxe: Xunta da Galiza).
A área sanitaria de Ourense lembra que atende nestes momentos a "máis da cuarta parte" dos contaxiados en toda Galiza

A área sanitaria de Ourense suspendeu a actividade cirúrxica programada ante o aumento de ingresos pola Covid-19 e co obxectivo de asumir "con seguridade" aquelas intervencións que requiran unha atención urxente, preferente, ou as relacionadas con cuestións oncolóxicas.

Segundo sinalou a área sanitaria, a actual ocupación de camas de críticos, "tanto de pacientes covid -15- como non Covid", así como o número de hospitalizados en planta -máis de 100 na área- susceptíbeis de descompensación e de requirir unha atención intensiva "aconsella limitar a actividade cirúrxica urxente programa".

Deste modo, apuntou que a actividade cirúrxica programada demorable está a aprazarse ou substituíndo por procesos que non requiran de coidados intensivos postquirúrgicos nin estancia hospitalaria. Todo iso co obxectivo de "salvagardar a capacidade de ingreso en previsión das necesidades derivadas da actual situación e do repunte de ingresos habituais neste período do ano".

A área sanitaria explica que a volta da programación ordinaria "dependerá da evolución da pandemia" en Ourense que, segundo apunta, "neste momento atende a máis da cuarta parte de pacientes contaxiados de Galiza, cos seus principais núcleos poboacionais en nivel tres" e con "restricións de mobilidade e reunión".

Os positivos por Covid-19 detectados na Galiza nas últimas 24 horas por PCR volveron a repuntar tras sumar outros 461 -o que supón 20 máis que a xornada anterior-, deles 111 corresponden á área sanitaria de Vigo e 78 á de Santiago e Barbanza.

Así se reflicte nos datos publicados na mañá de hoxe na web do Sergas con rexistros até as 18:00 horas de onte, recollidos por Europa Press, nos que se indica que en Ourense houbo 76 novos positivos por PCR confirmada nas últimas 24 horas.