Suspendidas as aulas de ESO no CPI da Cañiza a raíz do positivo dun docente

CPI da Cañiza (Xunta)

Non haberá aulas hoxe, 13, nin mañá, día 14,  e non se desbota que se amplíe a duración.

O positivo dun profesor obrigou a suspender as aulas de ESO no CPI da Cañiza para esta terza e cuarta feira, días 13 e 14.

Como sinala a dirección do centro nun comunicado, por mor dese positivo hai varios docentes que van faltar por se facer as probas e permanecer á espera dos resultados, de aí a suspensión das aulas.

Unha medida, a suspensión de aulas os 2 días, que recomendou Inspección Educativa, indica a dirección.

Esta quinta feira, día 15, é festivo na Cañiza, Santa Tareixa. Non se desbota, dependendo dos resultados das PCRs, que haxa que ampliar os días de suspensión de aulas.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aseguraba nunha entrevista concedida na mañá deste domingo na Radio Galega que o curso educativo na Galiza se iniciou “cunha gran normalidade”.

Os casos activos nos centros educativos galegos eran a pasada sexta feira de 421 positivos. A incidencia da pandemia da Covid-19 nas comarcas de Ourense obrigou ao fechamento da Escola Infantil María Ana de Celanova, tras un positivo.

A clausura deste centro provocou que a cifra total de aulas en corentena en toda Galiza aumentase en dúas, até as 23, segundo os datos diarios achegados polas consellarías de Educación e Política Social, actualizados esta sexta feira.