Suspenden os trens entre a Galiza e Madrid "até novo aviso" por un incendio en Zamora

O incendio en Zamora que afectou a rede ferroviaria. (Foto: Europa Press)
Polo de agora víronse afectados o Alvia 4064 Ferrol-Madrid e o Alvia 4105 Madrid-Ourense.

O incendio que afecta o concello de Losacio, nas inmediacións de Zamora, obrigou a suspender "até novo aviso" a circulación da liña de Alta Velocidade entre a Galiza e Madrid.

En concreto, o tramo afectado polo lume é o que vai entre o municipio de Otero de Bodas e Zamora.

Segundo informou Renfe, os trens afectados até o momento son o Alvia 4064 Ferrol-Madrid e o Alvia 4105 Madrid-Ourense.

En todo caso, a compañía asegurou que xa se estabeleceu un plan de transporte alternativo por estrada entre Zamora e Sanabria para os viaxeiros dos trens afectados.

Nun comunicado, Renfe sinalou que os viaxeiros poderán continuar a viaxe en tren  desde Sanabria até chegar ao seu destino final.

Así mesmo, a empresa ferroviaria lamentou as molestias ocasionadas por esta situación e asegurou que informará da evolución desta incidencia a través da megafonía de estacións e trens, así como a través do persoal de atención ao viaxeiro e nos seus perfís de redes sociais.