Vigo

Suspenden a patria potestade a uns pais após levar o seu bebé de sete meses ao Cunqueiro con dentadas e lesións

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A garda provisional do menor foi asumida pola Xunta.

O Xulgado de Instrución número 1 do Porriño (comarca de Vigo) suspendeu a patria potestade a uns pais despois de levar o seu bebé de 7 meses ao hospital Álvaro Cunqueiro, na cidade olívica, presentando dentadas e lesións, como puido comprobar o persoal médico.

Segundo fontes xudiciais consultadas pola axencia Europa Press, a investigación iniciouse debido a que os profesionais sanitarios decidiron activar, á vista don sucedido, o protocolo para estes casos despois de que a nai levase o menor cunha serie de lesións claras.

A partir de aí, o pai do bebé foi detido, pasando a semana pasada a disposición da xuíza, quen decretou a súa posta en liberdade. Con todo, está a ser investigado por un delito de malos tratos.

Como medidas, impúxolle, ademais da obriga de comparecer cada 15 días no xulgado, unha orde de afastamento do neno e a suspensión da patria potestade. A garda provisional do menor foi asumida pola Xunta, segundo as mesmas fontes.