Suspenden acto sobre Venezuela en Marín polas ameazas de venezuelanos residentes en Galiza

Concentración solidaria con Venezuela en Vigo

Estaba prevista a participación como convidados da cónsul xeral de Venezuela en Galiza, e o galego Farruco Sesto, arquitecto e poeta e ministro durante o goberno de Hugo Chávez. A organización non podía garantir a integridade física dos asistentes

A Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) e Mar de Lumes anuncian a suspensión do acto público que sobre a situación actual de Venezuela tiñan convocado para esta sexta feira, 25 de maio,  na Biblioteca Pública da localidade. Mónica Sánchez, Cónsul Xeral de Venezuela en Galiza, e o galego Farruco Sesto (Vigo, 1943), arquitecto e poeta e ministro de Cultura e tamén de Vivenda durante o goberno de Hugo Chávez, ían participar no acto que vén de se cancelar. O motivo da suspensión é, informan os organizadores, “a imposibilidade de garantir a integridade física do público e dos convidados, despois de que ambas organizacións teñan recibido ameazas por parte de grupos de residentes venezuelanos en Galiza”.

O obxectivo do acto era dar a coñecer a realidade do país “máis alá das distorsións e falsidades que certos grupos paragolpistas tentan difundir na nosa sociedade, transfirindo toda a responsabilidade das vítimas mortais, as feridas e a destrución das protestas das últimas semanas ao goberno de Nicolás Maduro e obviando o papel golpista da oposición e o xogo inxerencista das potencias que a apoian: dos Estados Unidos á Unión Europea, pasando pola Organización de Estados Americanos”.

Desde Agabo e Mar de Lumes denuncian a “hipocrisía” dos que “se lles enche a boca falando de democracia e liberdades civís en Venezuela mentres fan chamamentos públicos a rebentar o acto organizado en Marín pola solidariedade galega”. Como organizacións convocantes, afirman, “non estamos dispostas a dar a estes grupos violentos a satisfacción dun titular neste sentido, máxime cando sabemos que se trata dunha minoría e que a maioría da comunidad venezuelana no noso país, a favor ou contra o goberno, ten unha actitude moito máis civilizada que o que isto quere dar a entender”.

Ambos colectivos critican tamén a “connivencia do Estado español e do goberno municipal de Marín”, autorizando, por medio da subdelegación do goberno, unha concentración pública destes grupos “no mesmo lugar e á mesma hora que o acto que estaba previamente convocado”.