Suso de Toro dá un descanso ao seu dietario

[Imaxe: Laura R. Cuba] Suso de Toro

Após tres meses de se debruzar de segunda feira a domingo sobre a xanela de Sermos, Suso de Toro (Compostela, 1956) toma un respiro na experiencia de escrita diaria neste xornal dixital.

Non é a estación termo, mais ben ten o ar dunha despedida temporal. Suso de Toro baixa a persiana de #5feiras, o caderno de anotacións que abriu en Sermos o pasado 11 de xaneiro cunha peza intitulada "A luz do día". "Era para min ensaiar un tipo de comunicación que só se pode dar nun diario", explica o escritor e columnista á hora de facer balanzo. "Estabelecer un lazo, un vínculo, co lector, unha especie de pacto, o que se dá cando buscamos no noso medio de referencia o que nos di tamén unha sinatura de referencia".

 

Hai nesa conexión un "punto de lealdade", de "afecto" e "tamén de compromiso". "Un compromiso moi forte, tamén; como ben sabe o director do Sermos, había veces que esquecía o meu deber, era el quen mo lembraba, unha chamada, un whatsapp, ese deber supón integrar nos teus días unha presión, é un deber exixente, saber que tes que escribir si ou si".

 

O autor de Fóra de si, o seu último romance, imaxinou ao principio de #5Feiras que ía lidar cunha "época máis ordenada e tranquila", mais as circunstancias foron outras, chegaron outros traballos, outros compromisos, "a época tranquila pasou a ser unha epoca atafegada". E daquela #5Feiras virou"tamén unha carga".

 

Era para min ensaiar un tipo de comunicación que só se pode dar nun diario

 

Descanso, pois. Un alto no camiño. E a perspectiva de "voltar" se "máis adiante" chegar unha "etapa máis tranquila", avanza De Toro.

 

Entre a concepción do dietario e a súa realización práctica tamén mediou unha distancia non pequena. #5Feiras foi atropelado por unha actualidade premente, moi marcada pola represión estatal en Catalunya e a crise do réxime de 1978. "Non dei feito o que tiña pensado, un apuntamento máis breve no curso do tempo. A verdade é que no tempo en que me fun configurando como escritor na imprensa, fun criando discursos cada vez máis frondosos. Tocaba un tema e custábame limitarme a ese asunto. Abríanse outras gallas, outras pólas, polas que transitar. Moitas veces tiña que parar de escribir porque o texto se me ía das mans".

 

Non dei feito o que tiña pensado, un apuntamento máis breve no curso do tempo

 

Acontécelle o mesmo ao escritor de ficción Suso de Toro? "Non, aí controlo o texto. O problema que teño como escritor de ficción non é a obra, senón o contexto. Para os meios convencionais son hoxe un escritor a silenciar e para as persoas que me acompañan nas redes ou que len os meus textos en internet, son máis un autor que fala de política do que un escritor de ficción. Ese é o meu problema. Mais si manteño o goberno sobre a ficción, si consigo que o relato non sexa necesariamente o vehículo das miña ideas. De feito o protagonista da miña última novela nen sequera me cae precisamente ben".