Suso Bermello: "As mobilizacións procuran a máxima seguridade na defensa da educación presencial"

Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino (Foto: Arxina)
As condicións en que se producirá, nunha semana, o inicio do curso mobilizou a comunidade escolar contra a planificación da Consellaría de Educación para adaptar os centros á actual situación sanitaria. Falamos co secretario nacional de CIG-Ensino dos últimos cambios introducidos pola Xunta e das súas consecuencias. 

A que responde a última modificación da Xunta do seu protocolo de inicio de curso?

A decisión tómase porque a presión foi suficientemente eficaz e deixou a Consellaría de Educación nunha posición moi incómoda, practicamente en solitario no Estado español. É sintomático que se dese a coñecer o mesmo día no que se comunicaron todas as mobilizacións. 

Que valoración fai do protocolo, coas novidades incluídas?
Ten tal cantidade de torpezas que non sabería por onde empezar. Os cambios son importantes en Secundaria, porque agora se cita expresamente esa distancia interpersoal de 1,5 metros. Valoramos esta rectificación da Consellaría na importancia que ten.

Onde están, agora, os problemas máis graves?
En Secundaria, os problemas agora son de xestión e de credibilidade. A Consellaría obrigou as equipas directivas e o profesorado a preparar un inicio do curso partindo dunha distancia dun metro. As peticións de dotación de profesorado provisional están feitas con esas previsións, por exemplo. Agora todos os centros terán que facer unha revisión dos seus espazos, ver se co novo distanciamento van poder atender o alumnado sen romper os cursos e, por tanto, sen incremento de profesorado, se precisan máis persoal ou se é imposíbel realizar os desdobres. Este é un problema de xestión enorme. Despois está a credibilidade, porque falamos dunha Administración que deu cumpridas mostras de ser irresponsábel e mentireira. Até que non haxa compromisos claros, para nós é reducidísima. 

Que ocorre no resto de niveis educativos?
A ampliación do distanciamento só afecta a ESO, o Bacharelato e FP, non ensinos de réxime especial, como as Escolas de Idiomas, nin Infantil e Primaria, onde se estende esa invención das aula 'burbulla', un despropósito feito unicamente para xustificar que non haxa desdobres. Pensar que nun colexio con grupos de 25 menores, estes van ser compartimentos estancos e non van interactuar en ningún momento,  non o cre ninguén. E despois están as novas subdivisións desas aulas burbulla. Sabemos que en Infantil e no principio de Primaria se traballa por grupos, é lóxico. Mais, como fai unha mestra con 25 crianzas na aula para conseguir que as cinco dun grupo non se interrrelacionen coas outras? Sen redución de ratios real ou un incremento do profesorado é imposíbel.

A CIG xa manifestou que considera necesario manter as mobilizacións. Que melloras son irrenunciábeis?
Irrenunciábel é que as decisións que se adopten con respecto á redución de ratios na aula e aumento do profesorado sexan iguais para todas as etapas educativas. Outra cuestión fundamental é que o profesorado vulnerábel non teña que incorporarse aos centros. E despois está a carga de responsabilidades. A avaliación de riscos nos centros debe facerse canto antes e deben facela profesionais, non o profesorado. A elaboración dun plan de continxencia e adaptación tiña que estar feito xa desde maio e debe facerse desde os servizos de prevención de riscos. Esa avaliación e esa adaptación do protocolo son necesarias para que o colectivo docente poida aplicar esas normas, sen dúbidas nin incertezas sobre a responsabilidade que terá en caso de contaxio. O armazón do protocolo, agás o comentado, non variou: todo recae no profesorado.

Contemplan endurecer as protestas sindicais?
A decisión corresponde ao comité de folga ao completo. O que si podo dicir é que cando decidimos as mobilizacións fixémolo cun contido e cunha intención, que era conseguir, no posíbel, a máxima seguridade na defensa da educación presencial.

Como valora as iniciativas que incitan as familias ao absentismo escolar?
Desde unha perspectiva de defensa do ensino público e da equidade social, creo que todo o mundo debe defender o ensino presencial e que facemos fraco favor promovendo o boicot. O medo afecta a todos pero só as familias con mellor dispoñibilidade, acceso cultural, conectividade etc. poden tomar unha decisión que outras, con menos recursos, non, e iso supón unha fractura social. Dito isto, sabendo que estamos en mans de irresponsábeis, non deixo de ver lóxica a preocupación das familias ou as decisións que algunhas adopten porque non se fían. Con todo, o correcto creo que é presionar a quen toma as decisións para que tome as correctas, no canto de deixar os brazos caídos e que cadaquén se apañe.

A calidade pedagóxica e a equidade, en risco

A CIG vén alertando do risco que sofre o ensino de vivir un "confinamento pedagóxico" derivado das restricións nas interaccións na aula, que abocan o alumnado a unha aprendizaxe máis ríxida, lonxe do modelo aberto e participativo no que acredita o sindicato.

"A indución dunha serie de directrices condicionadas por un elevado número de alumnos na aula prexudica todo o alumnado, mais é aquel con necesidades específicas dalgún tipo o que sempre sae peor parado, tanto na educación presencial como na teledocencia", advirte Bermello, quen ve marxe para a mellora.

"Sería posíbel, sempre que o distanciamento e as ratios fosen aínda máis reducidas do que recolle o cambio do protocolo para Secundaria. Con máscara e as condicións actuais, calquera cousa que supere os 15 ou 18 alumnos fai difícil unha pedagoxía moderna e a altura das circunstancias", observa.