Susana López Abella: “Non teñen nada que ver a lexislación do aborto e a baixa natalidade”

Susana López Abella

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza discrepa da opinión do presidente do seu partido, Pablo Casado, sobre a Lei do Aborto e defende que “a situación actual é a adecuada”.

En respostas ás preguntas dos medios nun acto de promoción da igualdade en Ourense, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, afirmou non ter escoitado as declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, nas que afirmaba que “se queremos financiar as pensións e a saúde, debemos pensar en como ter máis nenos e non en como os abortamos”. Sinalou ao respecto que non se poden vincular a lexislación do aborto e a baixa natalidade.

 

"Cada persoa ten que tomar a súa decisión, é dona do seu corpo, e tamén hai que respectar ás persoas, tomen a decisión que tomen”, puxo de manifesto a secretaria xeral de Igualdade, quen declarou que “a nivel estatal existe unha lexislación aceptábel e mesmo recoñecida a nivel internacional, ao igual que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, que se vai modificar para mellorar e foi un acordo do Pacto de Estado”.

 

As declaracións de Pablo Casado corresponden á súa intención de derogar a actual Lei do Aborto, aprobada en 2010 e que permite o aborto nas 14 primeiras semanas de xestación, e volver á aprobada en 1985 polo Goberno de Felipe González, que só contemplaba o aborto nos supostos de violación, risco para a saúde da nai ou malformación no feto.