Un surto na residencia Quercus de Leiro eleva os casos de coronavirus nos centros de maiores

Un traballador sanitario traslada un residente do centro de maiores de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Ao foco declarado na residencia de Leiro, con 31 persoas contaxiadas, hai que sumarlle outro na residencia de atención á discapacidade Pai Menni de Betanzos, con 17 nocos casos.

Os centros da terceira idade da Galiza mais de atención á discapacidade alcanzaron xa os 600 casos activos por coronavirus. O avance da pandemia entre a comunidade residencial débese ao aumento dos contaxios relacionados fundamentalmente con dous focos. O primeiro na comarca do Ribeiro, na residencia Quercus de Leiro, e o segundo na residencia de atención á discapacidade Pai Menni de Betanzos.

Así, xa son 360 as persoas maiores residentes afectadas pola Covid-19 nunha vintena de centros sociocomunitarios. Segundo o balance divulgado polas Consellarías de Sanidade e Política Social, en 24 horas detectáronse 36 novos positivos, a maioría, 25, na residencia de Leiro.

Ademais, a residencia DomusVi de Carballo notificou outros sete positivos, mentres que os Apartamentos Tutelados de Arzúa informan dun caso, a San José de Arzúa de dous máis e os apartamentos San Bartolomeu de Xove doutro positivo entre as súas residentes.

A residencia Paz e Ben de Tui, intervida esta semana pola Xunta, mantense como a máis afectada con 63 contaxios, seguida pola de Ribeira, con 59, e a DomusVi Vimianzo, con 46 usuarios positivos.

Persoal afectado

En canto ao colectivo de traballadores e traballadoras, a cifra de contaxios alcanza os 200, sete máis que o día anterior. Entre os casos novos diagnosticados nas últimas horas están os de seis profesionais da residencia Quercus de Leiro e cadanseu no centros Nosa Señora do Carme de Sarria, DomusVi Carballo e DomusVi Cangas.

Segundo os datos de Sanidade o cadro de persoal máis afectado polo coronavirus é o da residencia Paz e Ben de Tui, con 25 infeccións activas, seguido do da Pastoriza, con 23, e do da DomusVi Vimianzo, con 22.

Atención á diversidade

Os centros de atención á discapacidade aumentaron en 17 os usuarios afectados pola Covid-19 tras o surto da residencia Pai Menni de Betanzos, que conta xa con 29 persoas infectadas.

En total hai 30 usuarios positivos, os 29 da Pai Menni e un na residencia de Bóveda. O colectivo profesional destes espazos mantense sen cambio. Hai 11 afectados en cinco centros: sete na Pai Menni e cadanseu na residencia de Bergondo, no centro de atención a persoas con discapacidade da Coruña, na residencia Casa Lamastelle de Oleiros e na DomusVi Bóveda.