O surto da Covid nun colexio do Barco ascende a 23 persoas infectadas

Aula fechada nun colexio após decretarse o confinamento domiciliario o pasado ano (Foto: Iván Terrón / Europa Press).
A Consellaría de Sanidade prevé realizar probas a 400 cidadás que puideron ter relación coas enfermas de coronavirus.

O Sergas anuncia a realización de probas da Covid-19 a 400 persoas que puideron ter relación co surto escolar detectado no CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras, que xa ten a 19 membros da comunidade educativa infectados. Ademais, o gromo ascende a 23 positivos na localidade, pois hai máis casos en menores de 15 anos que non asistían ao mesmo centro.

As autoridades sanitarias destacan que o municipio conta, actualmente, con 42 casos activos de coronavirus, dos que precisamente 23 son en crianzas por debaixo dos 15 anos.

Nun primeiro momento xa se realizou un "cribado de todo o colexio, alumnos e traballadores", que foron citados no punto Covid Auto do Hospital de Valdeorras. Ao mesmo foron chamadas as persoas que conviven coas alumnas enfermas. En total estímase que se chegará a comprobar o estado de saúde de 400 cidadás.

Xa na quinta feira, o xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, explicaba que este brote tivo a súa orixe no transporte escolar e "está a afectar a un colectivo de nenos, fundamentalmente menores de 15 anos".

A Consellaría de Educación engadiu que o foco implicoi o fechamento de cinco aulas do centro educativo.

Precisamente, dados os gromos que están a sucederse debido á volta aos colexios, o Comité Clínico ordenou elevar O Barco e Foz a nivel medio-alto das restricións. No caso do CEIP O Cantel de Foz, os casos positivos aumentaron de 30 a 31 e seguen catro aulas fechadas debido á incidencia da Covid-19, concretaron fontes da Xunta.

Estas novas dánse a coñecer pouco tempo despois de que se puxera en dúbida a nova política informativa do Goberno galego respecto aos casos nas escolas, pois acusouse á Xunta de "ocultar" os datos e esta defendeu que só os fará públicos unha vez á semana.