Detectado un foco de Covid con 11 nenos de Infantil contaxiados nun colexio de Foz

Foz [Foto:Nós Diario].
Malia que nun primeiro momento falábase dun surto que afectaba a 11 crianzas, agora xa se comunicou que hai polo menos 18 infectadas -entre toda a comunidade educativa do centro- e foi preciso fechar tres aulas.

Un surto con 11 nenos e nenas de Educación Infantil contaxiados pola Covid-19 no CEIP Cantel de Foz (na comarca da Mariña) levou a que se apliquen "todos os protocolos correspondentes", segundo puntualizou esta sexta feira o alcalde, Fran Cajoto.

Respecto diso, Cajoto precisou que "son nenos que non están aínda vacinados, de Educación infantil, dado que os menores de doce anos non se vacinan". "Aínda que non se aprecian síntomas graves, parece ser que non ten gran incidencia a enfermidade, mais si que son transmisores da Covid", abundou.

Debido a este foco, o alcalde advertiu que "se seguen todos os protocolos, facendo as probas correspondentes a familiares e poíbeis contactos, e esperando que sexa o máis reducido posible". "Non nos podemos relaxar", avisa.

Ademais, Cajoto comentou que "se mantén a corentena de familiares e dos contactos máis estreitos". "Pedimos que se cumpra o que se marca e non nos saltemos eses confinamentos", requiriu.

O rexedor sinalou que "o inicio do curso escolar está a ser un pouco convulso" en Foz, tras "vir dun verán cunha importante baixada da incidencia, un verán con bos resultados económicos pola presenza de moitos visitantes no concello".

Finalmente, o alcalde de Foz avogou por "aulas burbulla que son a mellor solución para que non se expanda". "E ter conciencia da situación sanitaria na que nos atopamos", concluíu.

Na tarde desta sexta feira informábase de que as e os afectados na comunidade educativa xa ascendían a 18. En consecuencia, foi preciso fechar un total de tres aulas até novo aviso.