Posíbel surto da Covid no Camiño: oito peregrinas fican illadas tras un positivo e non teñen noticias do Sergas

Un peregrino nunha das etapas do Camiño (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Nin este "grupo burbulla" nin o albergue de Palas onde permanecen en corentena tiveron, máis de 12 horas despois, noticias do equipo de rastrexo da Xunta. Aliás, compartiron pavillón con outras 50 persoas que proseguiron o Camiño cara a Melide.

Segundo puido confirmar Nós Diario, un "grupo burbulla" de oito peregrinas permanecen desde a sexta feira illadas nun albergue de Palas de Rei, no Camiño Francés, após dar positivo en coronavirus esta mesma madrugada outra integrante do grupo, que agora está ingresada no Hospital Clínico de Compostela.

Esta persoa —que antes de iniciar o Camiño estivera en Mallorca— comezou sentir malestar no día de onte, polo que se dirixiu ao centro de saúde para solicitar unha proba PCR, que lle foi denegada dado que non quedaban tests dispoñíbeis.

A solución que lle deron foi "autoconfinarse" esa noite e viaxar o día seguinte ao Hospital de Lugo, mais, ante a imposibilidade de illarse nunha habitación individual no albergue onde se atopaba, un familiar foina buscar en coche e levouna até Compostela, onde, debido a que presentaba síntomas, se lle practicou unha PCR que resultou positiva.

Após coñecer a noticia, o resto do grupo autoconfinouse no albergue e, máis de 12 horas despois, aínda non foi contactado polo equipo de rastrexo do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Tampouco desde o albergue saben como proceder ante a falta de instrucións da Administración, e descoñecen se as peregrinas realizarán o período de corentena aí ou serán trasladadas.

Aliás, unha delas, coa que contactou este xornal, sinala que unha das noites compartiran un pavillón "con outras 50 persoas", cuxas liteiras estaban unicamente separadas "por cortinas de tea". Os outros grupos xa retomaron a viaxe e este sábado chegaron a Melide, polo que, de estaren contaxiados, poderían espallar o virus no seu percorrido.

Ninguén ao teléfono

A persoa que trasladou á peregrina doente afirma que o servizo de atención telefónica habilitado pola Xunta para a Covid-19 non a atendeu até pasados 45 minutos, e dixéronlle que non precisaba nin a PCR nin seguir confinada.

Cando lle repicou que desde o 061 lle indicaran o contrario, recibiu como resposta: "Non son médico, isto só é un servizo de operadores telefónicos subcontratado para desvío de chamadas". Malia ter solicitado unha cita co médico, aínda segue agardando a chamada.

Así mesmo, esta mesma persoa indica que nin no centro de saúde nin no hospital sabían nada do seguro para peregrinos que vén de subcontratar a Xunta cunha empresa madrileña, nin tampouco se o Goberno galego se faría cargo do illamento dos posíbeis positivos.

Tamén lamenta que, malia compartir o vehículo desde Palas até Compostela coa peregrina que deu positivo, non se lle practicou unha PCR porque "segundo o protocolo da Xunta, ao estar vacinada non se lle podía facer", malia que aínda coa pauta completa é posíbel contraer o virus e contaxialo.