O Supremo suspende a autorización do eólico Moeche por posíbel fragmentación dun "macroplan"

Varias vacas no parque eólico de Vilachá, entre os concellos de Ourol e Muras, entre A Mariña e a Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Paraliza a luz verde do Goberno español ao non haber "suficiente claridade" sobre a "incidencia ambiental" da acumulación de proxectos.

O Tribunal Supremo (TS) suspendeu, de forma cautelar, a autorización administrativa previa das modificacións e a de construción outorgada polo Estado español ao parque eólico Moeche, de 50,4 megawatts, entre os municipios de Moeche, San Sadurniño e As Somozas (Ferrolterra). O proxecto está impulsado por Enel Green Power España, filial de renovábeis de Endesa.

Nun auto con data de 2 de abril de 2025, o Supremo apunta ao efecto acumulativo de eólicos ao entender que "non pode deducirse con suficiente claridade que fose debidamente realizada a análise de sinerxías cos parques ou proxectos próximos e a incidencia ambiental que deriva da alta concentración de parques eólicos nun ámbito de 20 quilómetros".

O órgano acordou a adopción da medida cautelar solicitada pola asociación Petón do Lobo, a cal argumentou que as tarefas de instalación dun parque eólico implican traballos de escavación e remoción de terras, creación de viarios de acceso, entulleiras e zonas auxiliares, de maneira que, "o mero inicio dos traballos xa privaría de finalidade o recurso estabelecido ao consumarse certos prexuízos sobre o sistema edáfico que resultarían irreversíbeis".

Nesta liña, a entidade ambientalista avisaba de que a localización dalgúns aeroxeradores está a menos de 1.000 metros dalgúns núcleos de poboación, cando a Xunta da galiza estipula que esta distancia debe de ser de dous quilómetros.

O TS tamén decretou a exención de caución á asociación debido a que "a medida cautelar que aquí se adopta ten como fin a protección dun ben colectivo como é o medio ambiente e que a recorrente intervén en exercicio dunha acción popular (recoñecida ex artigo 22 da Lei 27/2006) e para o cumprimento duns fins que transcenden do propio beneficio da súa asociación á colectividade ou xeneralidade".

Ao tratarse dun parque de máis de 50 megawatts a autorización corresponde ao Goberno estatal —suspéndese o acordo do Consello de Ministros do 23 de xullo de 2024—, xa que a Xunta encárgase dos eólicos de menos de 50 megawatts.

Denuncia de fragmentación dun único "macroplan" eólico

Así, Petón do Lobo alertaba de que o parque eólico é consecuencia dunha fragmentación dun "macroplan industrial" e debería exporse como un único proxecto, como é o caso dos parques eólicos de Basqueiro, Tesouro, Santuario e Badulaque, xa que a tramitación e autorización destes foi coetánea, comparten área xeográfica e tamén infraestruturas de evacuación e conexión.

Ademais, advertía da implantación nunha zona de sensibilidade ambiental; do risco de incendio e as dificultades con respecto ás tarefas de extinción; das afeccións de ruído e lumínicas; da incidencia no patrimonio histórico e cultural; e da súa proximidade a espazos protexidos.

Como resposta, tanto o avogado do Estado español como a filial de Endesa opuxéronse á aplicación da suspensión cautelar do proxecto. A empresa consideraba que a "longa lista de afeccións" son de "carácter xenérico" e asegurou que, "os riscos xa foron analizados" na Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Neste sentido, a empresa expresa que se tiveron en conta os parques eólicos que se sitúan nun contorno de 20 quilómetros e que fan un total de 37 parques con 2.281 aeroxeradores en funcionamento e 62 proxectados.