Xustiza

O Supremo rexeita aclarar a sentenza contra Fernández de Sousa, que entrará en prisión "nos próximos días"

Manuel Fernández de Sousa, primeiro pola dereita, no banco dos acusados durante o xuízo. (Foto: Pool vía Europa Press)
A defensa do ex presidente de Pescanova mantén que o Supremo "non ten razón" e estudará a posibilidade de acudir ao Constitucional.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo notificou esta cuarta feira a desestimación do recurso de aclaración presentado polo ex presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, contra a sentenza ditada pola mesma sala o pasado 10 de febreiro, polo que o directivo entrará en prisión "nos próximos días". No documento condenábase o empresario a un total de seis anos de prisión por un delito continuado de falsidade nas contas anuais e por outro delito, tamén continuado, de falseamento de información económico-financeira. Todos eles polo chamado 'caso Pescanova'.

En concreto, o primeiro dos delitos carrexaba unha pena de catro anos e seis meses en relación ao concurso medial, e polo segundo impuxéronselle un ano e seis meses. Con todo, a defensa solicitou aos maxistrados unha rectificación da sentenza por "erro material" no que se refire aos delitos que se lle imputan e as súas correspondentes penas. Isto en relación ao delito continuado de falseamento de información económico-financeira xa que, ao seu xuízo, non se aprecia "ningunha sorte de continuidade delituosa".

Na súa última resolución, o Supremo sinala que non procede aclarar nin rectificar o extremo interesado pola representación procesual de Fernández de Sousa. No auto difundido esta cuarta feira, os maxistrados explican que non observan "erro material" a respecto da consideración de "continuado" do delito de falseamento na información económico-financeira de Pescanova. "Ao contrario, consideramos que a condena pronunciada na instancia, e que este tribunal confirma, foino na devandita condición, conforme as acusacións o interesaban, polas razóns xa entón explicadas e lembradas, someramente, aquí", indican no seu veredicto.

A defensa de Fernández de Sousa esgotará todas as vías: do incidente de nulidade ao Constitucional

O avogado do ex responsábel de Pescanova, Gonzalo Martínez-Fresneda, asegurou, en declaracións á axencia Europa Press, que a partir de agora notificarase "como é habitual" o ingreso en prisión do ex directivo, que se producirá "nos próximos días". Segundo el, esta notificación podería levarse a cabo "esta quinta ou sexta feira" e, por norma xeral, danse dez días para ingresar, "aínda que neste caso poderían ser menos debido a que a petición deste aclaratorio xa atrasou a entrada no cárcere".

A pesar de todo, Martínez-Fresneda asegurou que recorrerá a resolución do Tribunal Supremo. Malia que o propio documento non é recorríbel, si dixo que se pode presentar un incidente de nulidade e, após el, acudir ao Tribunal Constitucional. "Ímolo estudar. Entendemos que o Supremo non ten razón", sentenciou.

'Caso Pescanova'

Todo isto aconteceu despois de que, por mor da crise financeira que estalou en 2008, o que era presidente da compañía, co obxectivo de poder seguir gozando do financiamento bancario do que dependía Pescanova polo esforzo investidor exercido nos anos anteriores, planeou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares.

Unha vez conseguida, levaron a cabo outra serie de manipulacións nas contas anuais ou outros documentos oficiais que reflectían a situación financeira da empresa "para conseguir uns resultados positivos que non se correspondían coa situación real e, que, após ser oficialmente publicados, permitían captar novos investidores e desprazar o financiamento bancario e as súas excesivas comisións", segundo recollía a sentenza.