O Supremo recoñece violencia machista nun caso en que o home fora absolto en 1995

A sentenza refírese á pensión de viudedade á que ten dereito a muller e que deberá aboar o Instituto Social da Marina (ISM).

 

O Tribunal Supremo resolveu o 20 de xaneiro de 2016 recoñecer a situación de violencia machista na que se atopaba unha muller de Vilagarcía de Arousa após ter sido absolto o home en 1995. 

O pronunciamento do Supremo, que senta xurisprudencia, refírese ao conflito xerado arredor da pensión de viudedade que lle foi negada orixinalmente por non se cumprir os requerimentos legais exixidos polo Instituto Social da Marina (ISM). No concreto, que pasasen 10 anos desde a separación do matrimonio até o falecemento do home. 

A muller denunciou maltrato psicolóxico durante catro anos en 1995 

Porén, unha modificación legal de outubro de 2010 recoñécelle este dereito ás mulleres en situación de violencia machista mesmo cando non se cumpran os criterios temporais. 

A muller, denunciara perante a Garda Civil en 1995 ter sido sufrido "maltrato verbal" por parte do que era o seu compañeiro "desde hai catro anos aproximadamente" o que derivou nun xuízo de faltas e finalmente nunha sentenza absolutoria. Con posterioridade e após iniciar o proceso de separación, en 1998, a muller, A.O., volve denunciar o home por "ameazas" desta volta contra o fillo e pola que si foi condenado. 

O home faleceu en 2010 polo que ela decidiu reclamar a pensión de viudedade. Porén, o Instituto Social da Marina (ISM) denegoulla argüíndo que non cumpría co fixado pola lexislación embora A.O. apelar á súa condición de muller en situación de violencia machista. 

O TSXG di que "as simples denuncias" non son proba de violencia nen tampouco as ameazas ao fillo 

Neste senso, segundo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) de xuño de 2014 non fica acreditado o maltrato debido á absolución do home en 1995 ao tempo que acrecenta, "as simples denuncias penais perante a policía por ameazas ou agresións, sen ulterior actuación, non son probas propiamente ditas". 

Aliás, asegura que "a condena por ameazas a respeito dos fillos non constitúe unha situación de violencia de xénero" como tampouco "os informes médicos aportados" nos que se reflite o tratamento psicolóxico e psiquiátrico recibido desde 2005 por un "trastorno mixto ansioso depresivo" por se teren expedido "en base á soa alegación da impugnante", a muller, "en data moi posterior, máis de sete anos, á da separación". 

Recoñecemento

Case dous anos despois e logo de presentar un recurso perante o Tribunal Supremo, a máxima instancia coida que o relato da muller xunto con toda a información e documentación achegada, supoñen "suficientes medios probatorios para que do seu conxunto se deduza que viña sendo vítima de violencia de xénero durante os anos anteriores á súa separación matrimonial e, mesmo, indirectamente durante o propio proceso". 

Así, o Supremo anula a sentenza do Superior de Xustiza de Galiza e obriga o ISM a aboar a pensión de viudedade.