Xustiza

O Supremo rebaixa en sete anos a pena a un condenado por agresión sexual a menores

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid. (Foto: Nós Diario)
O alto tribunal aplica a Lei de 'só si é si' para mudar a pena inicial de 19 anos a 12 para un home condenado por abusar dos seus sobriños-netos, menores de idade no momento dos feitos.

O Tribunal Supremo vén de rebaixar en sete anos a condena imposta a un ourensán que agrediu sexualmente os seus dous sobriños-netos menores de idade, de 13 e 10 anos no momento dos feitos, respectivamente. En concreto, a condena pasa de 19 a 12 anos de cárcere, en aplicación da Lei de 'só si é si', tal e como recolle o fallo da sala do penal do Supremo.

Os feitos remóntanse ao 23 de xuño de 2018, cando o condenado e os seus dous sobriños-netos coincidiron na casa familiar para celebrar as festas de San Xoán. Os dous menores quedaron a pasar a noite nunha habitación na que tamén se deitou o procesado.

Nun momento dado, aproveitándose da diferenza de idade e da súa superioridade, o home comezou a agredir sexualmente o neno pequeno, que rexeitou o contacto e mudou a súa posición na cama co irmán maior nun intento de que cesasen os tocamentos.

Con todo, o agora condenado continuou agredindo tamén o irmán. Ao día seguinte, convenceuno para que o acompañase no seu coche coa promesa de comprarlle un xeado e, durante o traxecto, detivo o coche nun piñeiral, onde volveu agredilo sexualmente.

No seu momento, a Audiencia Provincial de Ourense condenou o home a 19 anos de prisión, unha sentenza que foi avalada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Agora, o Supremo estimou o recurso e, ao abeiro da Lei de 'só si é si', rebaixa en sete anos a condena, se ben mantén as medidas de afastamento.

Detido un home en Lugo por agresión sexual a unha neta

Por outra parte, a Policía Nacional detivo esta cuarta feira en Lugo un home en relación coa suposta agresión sexual a unha neta, menor de idade, e está previsto que nas próximas horas pase a disposición xudicial.

Segundo informaron fontes coñecedoras do caso en declaracións recollidas pola axencia Europa Press, o home pasou a noite nas dependencias da Comisaría Provincial. Na investigación dos feitos, dos que non transcendeu máis información, interviron efectivos da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) de Madrid.