O Tribunal Supremo autoriza o parque eólico de Campelo anulado polo TSXG
A Sección Quinta da Sala Terceira do Tribunal Supremo vén de resolver os recursos interpostos contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulou o acordo que autorizaba o parque eólico de Campelo, promovido por Greenalia entre Coristanco (Bergantiños) e Santa Comba (Xallas).
O Supremo conclúe que "a sentenza do TSXG, impugnada en casación, apártase da doutrina xurisprudencial referida e non é axustada a Dereito, polo que se revoga". Desta forma o alto tribunal admite as teses da Xunta da Galiza e confirma "a legalidade do acordo administrativo que autorizou o parque eólico de Campelo".
Fragmentación
Onde os maxistrados do TSXG viron unha "indebida fragmentación", o Tribunal Supremo afirma que "o feito de que dúas ou máis instalacións de parques eólicos compartan instalacións de conexión non comporta, ineludibelmente, que debamos considerar a existencia dun único proxecto de parque eólico a efectos da súa avaliación ambiental, senón que haberá que examinar en cada caso as circunstancias concorrentes, á luz da normativa e da xurisprudencia aplicábeis".
Por outra parte, fai o mesmo en relación a outras cuestións alegadas, facendo alusión á doutrina estabelecida polo Supremo noutros fallos. En concreto, un da sala do contencioso-administrativo do citado tribunal que recovó a anulación, acordada polo TSXG, da resolución da Xunta pola que se outorgou a autorización previa e de construción do parque eólico de Corme G-3, no termo municipal de Ponteceso (Bergantiños).
O TS estimou entón os recursos presentados pola empresa EDP Renovables, promotora do proxecto, e pola Xunta da Galiza, e confirmou a resolución administrativa de autorización previa ao considerar que non incorreu nos motivos de nulidade aceptados polo tribunal galego, cuxa sentenza anulou.
Após a sentenza do TSXG, en xuño de 2023, a Xunta da Galiza defendeu a súa xestión do desenvolvemento da enerxía eólica e desbotou que incorrese en ningunha infracción cando autorizou a construción do parque eólico Campelo, polo que acordou interpor un recurso de casación diante do Tribunal Supremo, que agora resolve.