Xustiza

Tres anos de cárcere e sete de inhabilitación para un médico do Sergas que cobraba por certificados de defunción

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid. (Foto: Nós Diario)
O Supremo ratifica a sentenza que condena un doutor de Pontevedra que se lucrou con este trámite totalmente gratuíto para a cidadanía.

O Tribunal Supremo confirma a condena a tres anos de prisión e sete anos de inhabilitación imposta a un médico de familia do Sergas que cobrou en Pontevedra por expedir certificados de defunción sabendo que o trámite non supuña custo ningún. Nun auto que vén de transcender, a Sala do Penal desestima o recurso de casación interposto polo condenado contra a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Este último, á súa vez, xa ratificara o auto de instancia, ditado pola Audiencia Provincial de Pontevedra en 2021.

No seu relato de feitos probados, estabelecía que o acusado se desprazou en novembro de 2016 a un domicilio en Pontevedra no que se produciu o falecemento dunha muller. Despois, xa na súa consulta no centro de saúde, demandou ao empregado da funeraria o pagamento de 70 euros para expedir o certificado de defunción, unha contía "que lle foi entregada e repercutida á familia da falecida".

O home, consciente en todo momento de que ese trámite era gratuíto, volveu repetir a operación en xaneiro de 2018, cando acudiu a outro domicilio a certificar un pasamento. Minutos máis tarde, o doutor pediu 70 euros a outro empregado da empresa. Esta vez, porén, o traballador da funeraria negouse.

Obrigado a devolver os cartos

Un mes máis tarde, o condenado volveu solicitar un pagamento, esta vez de 30 euros, nunhas circunstancias semellantes. Nesta ocasión, o empregado da funeraria si accedeu a facerlle entrega da cantidade. E, en xuño dese mesmo ano, o médico repetiu por última vez a operación, pedindo desta volta 100 euros que nunca chegaron a entregarlle.

Na sentenza de instancia, a Audiencia de Pontevedra condenou o acusado a tres anos e un día de cárcere como autor dun delito continuado de suborno, quedando obrigado a devolver os 70 e 30 euros dos que se apropiara con anterioridade.

Agora, o Supremo rexeita o seu recurso asegurando que "ningún reproche cabe facer á sentenza recorrida, como tampouco á de instancia, incluído no seu aspecto fáctico realizado polo xurado, na medida que cada cal cumpriu con suficiencia o labor que no seu ámbito correspondía".

No mesmo, o condenado alegaba unha infracción do dereito a obter tutela xudicial efectiva, así como unha suposta infracción de preceptos constitucionais relativo ao principio de legalidade penal.