O Supremo anula un concurso do Sergas por discriminación sexual a unha aspirante

A profesional prestou servizos no hospital de Verín pero o Sergas cesouna durante a baixa maternal.
O Tribunal Supremo acaba de dar a razón a unha sanitaria que o Sergas deixou sen praza nunha oposición ao non computarlle como mérito o tempo que estivo de baixa tras dar a luz, nun tempo no que a traballadora exercía como persoal temporal do hospital de Verín. A sentenza considera que foi discriminada por razón de sexo. 

O Tribunal Supremo acaba de anular a baremación dun concurso do Sergas para a selección de persoal facultativo especialista na área de farmacia hospitalaria, por considerar que a Administración sanitaria incorreu nunha discriminación por razón de sexo cara a unha das aspirantes. Así o invocou a profesional, primeiro ante o propio Sergas e despois, no xulgado e no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), alegando que o Servizo Galego de Saúde incurriu "nun erro evidente no cómputo de méritos" que a deixou sen praza por unha diferenza "mínima", ao omitir a súa experiencia profesional no hospital de Verín durante as 16 semanas nas que estivo de baixa por maternidade, dentro dos sete anos nos que exerceu alí a través de contratos temporais concatenados. 

O Supremo conclúe que aquela omisión foi, "a todas luces", unha das causas do resultado do proceso selectivo. Anulando tamén os fallos das anteriores instancias xudiciais, cualifícaa como "nula de pleno dereito". 

Durante o procedemento, o Sergas negou o suposto de discriminación, alegando que a recorrente non invocou "en tempo", a través da plataforma electrónica da Administración, os méritos que quería que se lle valorasen. "Esta circunstancia, imputábel á actora, non ten nada que ver co feito de que o que se queira valorar sexan servizos prestados durante o permiso de maternidade, pois a mesma consecuencia se produciría durante un permiso de paternidade", esgrimiu.

Por contra, a recorrente advertiu no seu recurso que, "diante dun home non se tería producido o cesamento ilegal durante as 16 semanas que estivo de baixa por maternidade e este continuaría traballando sen solución de continuidade e, por iso, teríaselle puntuado a experiencia profesional", polo que tería obtido a praza.

O TSXG rexeitou o seu recurso, ao considerar que o litixio non discutía o cesamento durante a baixa maternal, senón "os efectos reflexos que ese cesamento tería no concurso [...] cinco anos máis tarde". Malia a desestimación, a súa sentenza advertía que "a actuación da Administración ao cesar a recorrente, coincidindo co seu parto programado, podería resultar discriminatoria por razón de sexo, xa que o embarazo e o parto son situacións tan intimamente ligadas á condición de mulleres que reclama un tratamento prudente".

Tamén o xulgado de Ourense censurara, sen estimar tampouco o recurso da aspirante, "a práctica do Sergas de cubrir necesidades de persoal de carácter estrutural mediante contratación durante anos da mesma persoa con contratos temporais por corto período, sucesivos, só interrompidos (non renovados) cando a traballadora se atopa de baixa temporal". 

Agora, o alto tribunal determina que, aínda se a profesional non acudiu ao servizo informático para comprobar que fora cesada durante a súa baixa, "os efectos da súa inobservancia non deben prevalecer fronte á vinculación máis forte de todo tribunal para cos dereitos fundamentais, vulnerados desde un principio, e despois tamén, polas omisións nas que incorreu a Administración sanitaria". 

Na súa sentenza aprecia que houbo vulneración dos dereitos fundamentais da traballadora no momento da maternidade e máis adiante, ao non se lle considerar o permiso como unha "condición de traballo" de igual alcance que as das funcionarias indefinidas.