Suplemento Gozar: redescubrir paisaxes únicas que se camuflan no día a día

Natureza, gastronomía, viños, enocultura... máis unha vez este sábado co Nós Diario.

“Na nosa dieta tendemos a abusar da carne, mais o consumo en exceso deste alimento é malo para a saúde e tamén prexudicial para o medio. A gandaría extensiva contribúe significativamente ás emisións totais de gases de efecto invernadoiro, á deforestación e á contaminación da auga. Para evitar estas consecuencias é conveniente reducir o consumo de produtos de orixe animal, mais iso non significa deixar de alimentarnos correctamente”. Así principia a reportaxe ‘Cara a unha alimentación máis sostíbel’, que abre este número, de Anxo Fole.

A seguir, afondar en como o recoñecemento da vitivinicultura das ribeiras do río Navia, como zona protexida, dá os primeiros pasos. A nova IXP Terras do Navia comprende todo o concello de Negueira de Muñiz e algunhas parroquias da Fonsagrada e de Navia de Suarna. Son viños frescos e suaves en boca, brillantes con aromas francos e nos que se aprecian as características da materia prima da que proceden. Descubrimos os seus segredos e as súas potencialidades na reportaxe de Xan-Bautista Cambón.

Da man de Guido Álvarez Parga emprendemos unha viaxe polo Alto Miño. “Agochados entre a toponimia oficial e o marketing turístico atópanse aínda certos territorios galegos, xeográficos e históricos, pouco traballados como destinos viaxeiros casuais ou organizados. Hoxe imos adicar un anaco de escritura e lectura a un que ten para min un encanto particular: o Alto Miño”.

GNon fica aquí a viaxe pola Galiza. Ramsés Pérez convídanos a gozar do Navea, un río que deu refuxio á guerrilla antifranquista é hoxe unha Reserva Natural Fluvial. “E tal é a incomunicación, que na Edreira viviron durante unha boa tempada guerrilleiros antifranquistas, entre os que estaba Mario Rodríguez Losada "o Pinche" ou Mario de Langullo e a súa cuadrilla. Alí en Teixedo é doado caer na conta do acaído que sería ese lugar para non ser atopado. Sexa cal sexa a opción de ruta que escollamos, estamos ante un río único no corazón dun territorio incomparábel de Galiza, o Macizo Central Ourensán; territorio dos últimos guerrilleiros antifranquistas e agora do lobo, a aguia real e dende hai pouco, do oso pardo”.

E ademáis, entrevistamos Martín Marcote Márquez, da tenda de viños ‘Aljeriz’, a bióloga ambiental Verónica Torrijos Pérez fálanos das pegadas de animais na neve, e a escritora e tradutora Tamara Andrés conta do Monte Xuviño e os seus petroglifos.