A supervivencia do cancro infantil supera o 70%

Un superheroe visitou un hospital por esta conmemoración. (Foto: JdA / Europa Press)
O 15 de febreiro celébrase o Día Internacional do Neno con Cancro, unha patoloxía que rexistra entre 50 e 60 casos ao ano na Galiza.

Galiza rexistra entre 50 e 60 novos casos de cancro infantil cada ano cunha taxa de supervivencia que supera o 70%. 

Con motivo no día de onte da celebración do Día Internacional do Neno con Cancro, o médico do equipo de Oncoloxía Pediátrica do CHUS, Manuel Fernández Sanmartín, explicou que a prevalencia do cancro infantil “é moi estábel” desde que existen rexistros, cunha “pequena tendencia” a incrementar, inferior ao 1%. O doutor comentou que “non se notaron diferenzas” en comparación ao ano pasado, marcado pola pandemia da Covid-19, con outros exercicios anteriores.

Sobre as prevalencias de cancro infantil, Sanmartín destacou que as leucemias e linfomas son os tumores que máis se dan no país, “poden representar case a metade, con entre 25 e 30 casos anuais”, indicou. A estes séguenlle un segundo grupo no que se inclúen os tumores do sistema nervioso central e un terceiro que aglutina varios como sarcomas, renais o outros con “incidencia menor”.

Sobre se existe un perfil de paciente, o doutor sinalou “tumores de cada idade” xa que, as leucemias e neuroblastomas afectan aos máis pequenos en idade pediátrica; os relacionados cos ollos, como retinoblastomas, son máis específicos do primeiro ano; mentres que sarcomas e “algún linfoma” son habituais na adolescencia. Todo isto, puntualizou, “sen unha clara prevalencia” xa que se trata de “patoloxías con bastante frecuencia” vistas na súa unidade. 

Baixa incidencia

Respecto disto, a Consellaría de Sanidade sinalou, nun comunicado de prensa, que a incidencia do cancro na infancia “é baixa”. Ademais, destaca que co diagnóstico precoz e o tratamento en unidades asistenciais con experiencia, melloráronse “as taxas de supervivencia que, na actualidade, superan o 70%”.

Con todo, matiza que esta doenza "é a segunda causa de morte na infancia e adolescencia". Durante 2019, apunta Sanidade, rexistráronse uns 740 ingresos de crianzas menores de 14 anos nos hospitais públicos para recibir atención sanitaria á súa doenza oncolóxica e seguir algún tipo de tratamento. 

Así mesmo, Sanidade avanzou que na actualidade traballa "nunha nova ferramenta para mellorar a atención oncolóxica aos menores: o Rexistro Galego de Cancro Infantil".