O superpoder de comercializar os teus óvulos

[Imaxe: Laura R. Cuba] Un folleto promocional dunha clínica de fertilidade

Buses, marquesiñas, pantallas xigantes, voandeiras e mesmo axendas universitarias. As unidades de reprodución asistida que existen na Galiza levan anos a encher o país con publicidade para captar doantes de óvulos. O negocio que se vende como un xesto altruísta ten un público concreto: mozas e precarias que chegan a percibir até 1.000 euros como compensación económica por pasar un tratamento de sobrehormonación e unha intervención cirúrxica ambulatoria. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 338 de Sermos Galiza.

Na primeira consulta para unha doazón de ovocitos, a xinecóloga explica polo miúdo os requirimentos. Debes ter entre 18 e 35 anos de idade e gozar de boa saúde. A lei 14/2006 de 26 de maio regula este sistema de doazóns e demanda, ademais, que o equipo médico “garanta a maior similitude fenotípica e inmunolóxica posíbel coa muller receptora”. Sen deixar de mirar o formulario, a doutora pregunta por antecedentes de enfermidades xenéticas, ocupación, nivel de estudos, peso, estatura, cor de ollos e pel, tipo de cabelo, raza.

 

Unha vez a clínica comprobe as hormonas anti-mullerianas –presentes no sangue, detectan a reserva ovárica da persoa– e a moza supere a proba psicolóxica –un test de 140 preguntas con respostas de verdadeiro e falso–, pode comezar o procedemento médico. Antes de cruzar os seus datos co banco de receptoras, a donante terá que someterse a citoloxías, ecografías e analíticas xerais para descartar ETS ou risco xenético. “Normalmente, a compatibilidade coa receptora é inmediata, no seguinte ciclo, porque hai moita necesidade”, conta a médica a Sermos Galiza. IRAGA –unidade de reprodución asistida do hospital privado compostelán da Rosaleda– ofrece 900 euros por cada doazón.

 

Segundo o Ministerio de Sanidade, o Estado español está á cabeza de Europa en tratamentos de reprodución asistida, con máis de 150.00 ciclos nun ano –moito deles a través da doazón de óvulos–. Existen 278 centros que realizan tratamentos de fertilidade, boa parte deles combinando ambas técnicas dispoñíbeis: fecundación in vitro e inseminación artificial. No lado da receptora, o retrato maioritario é o dunha muller entre 35 e 39 anos, aínda que 68% das fecundacións in vitro corresponden a pacientes maiores que superan os 40. Todas elas chegan a pagar entre 7.000 e 10.000 euros por cada tratamento. No lado da doante, porén, a media de idade de doantes oscila entre os 24 e 25 anos. Son persoas novas en situación de necesidade económica, usualmente mulleres migrantes ou estudantes universitarias.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]