Un superordenador con pegada galega para o CERN

Centro de datos do CERN.

Empregarase para procesar inxente cantidade de datos.

O Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear, a institución que xestiona o maior laboratorio de investigación en física de partículas a nivel mundial) ten os seus experimentos en suspenso desde finais de 2018 para introducir unha serie de melloras que entrarán en funcionamento no terceiro período, denominado Run 3, a partires de 2021.

O LHCb, un dos seus experimentos, espera poñerse en marcha de novo e rexistrar  mais colisións  por segundo, xerando unha inxente cantidade de datos que se ían procesar cunha grande cantidade de CPUs. Mais varios científicos do LHCb idearon unha alternativa máis eficiente e con maior potencia de cálculo, baseada en tarxetas gráficas (GPU), como as que se usan na industria dos videoxogos.

A proposta, liderada por Daniel Cámpora, de Nikhef (Amsterdam, Países Baixos), e codirixida por Roel Aiij e Dorothea Von Bruch (Sorbonne, París),  contou cunha contribución dun equipo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) , composto por Alexandre Brea, Adrián Casais, Xoan Mayo, Diego Martínez Santos e Christopher Parkinson (actualmente investigador Marie Curie en Lovain , Bélxica). Para demostrar a viabilidade da proposta, construíuse un prototipo, achegado principalmente entre o equipo da USC e o de Sorbonne Universite.

O éxito das probas feitas no prototipo levou á colaboración LHCb a aprobar finalmente esta alternativa baseada en GPUs, debido á súa maior potencia de cálculo e de menor custo. Unha vez construído, este superordenador -bautizado como Allen, en honor a Frances Allen, informática pioneira no campo de optimizar compiladores– atinxirá unha potencia de 6 Pflops, convertíndose no mais potente do CERN,  e probablemente entrando no top 50 mundial.