Desestimada a denuncia de Navantia contra a CIG pola greve das auxiliares

Protesta da CIG contra a denuncia de Navantia.

O Xulgado do Social número 2 de Ferrol desestimou a demanda de Navantia contra a CIG e o comité de folga do persoal das auxiliares no conflito do pasado ano contra a precariedade e pola recuperación de dereitos. “Queda demostrado que a demanda carecía de fundamento legal”, sinalan desde a central sindical.
 

Navantia pretendía declarar ilegal a greve, que a afectaba directamente. Con todo, nin sequera fora impugnada pola empresas auxiliares nas que si se convocara o paro indefinido. O verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir que se declarase a folga ilegal ou abusiva”, afirma a CIG, senón coaccionar e descativar os traballadores e traballadoras que de xeito masivo secundaban a folga”.

 

“Navantia debería pedir perdón polo seu burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga”, considera o secretario xeral do sindicato nacionalista Paulo Carril, “mais tamén pola manipulación que fixo dos motivos que levaron á convocatoria e á terxiversación da resposta exemplar dos operarios da inustria auxiliar”

 

A dirección de Navantia optou, ao longo da folga -ocurrida en outubro do pasado ano- por unha “postura moi belixerante” contra o persoal das subcontratas e contra a CIG como central convocante da greve. Os intentos de deslexitimación e boicote foron continuados por parte do mando da empresa pública.

 

“Non nos van amedrentar con este tipo de actuacións, nin que veñan de empresas tan poderosas como Navantia”, asegura Carril, “cando o que está en discusión é a defensa dos dereitos e acabar coa precariedade e a pobreza laboral. Seguiremos convocando as folgas que sexa necesarias”, engade.

 

Tamén o secretario da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas se pronuncia sobre a sentenza. “A folga foi completamente legal e a CIG estaba lexitimada polas asembleas de traballadores e traballadoras”, di, “a folga é unha ferramente fundamental que temos como clase para defender os nosos dereitos. Navantia quixo coartar a liberdade sindical e meter medo no persoal”.

 

Piquetes sen violencia


O ditame do xulgado ferrolán tivo en conta as tres excepcións alegadas pola CIG: a  falta de lexitimación activa de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada e seguida por persoal que non é o seu propio; a falta de lexitimación pasiva dos membros do comité de folga para ser parte nun procedemento de carácter colectivo (que ademais non persegue a solución do conflito); e a falta de adecuación do procedemento.

 

A maiores, o documento xudicial deixa constancia de que, en contra do argumentado por Navantia, os piquetes da greve actuaron sen violencia e que esta circunstancia mesmo se desprende da proba achegada pola empresa. “Condenamos que Navantia use a xustiza para tentar restrinxir o dereito das traballadoras e traballadores a revindicar non xa melloras salariais e laboraias, senón a recuperar os dereitos roubados”, conclúe o sindicato.

 

Nota: a primeira versión desta noticia contiña un erro sobre o xulgado que ditou sentenza. Xa está corrixido.