O Superior anula os servizos mínimos da folga na CRTVG por vulnerar dereitos fundamentais

Protesta das traballadoras da CRTVG durante a folga. Foto: cedida.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de anular os servizos mínimos decretados pola dirección da CRTVG nas folgas dos pasados 19 e 22 de decembro. A sentenza apóiase no “procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais da persoas”.

O ditame, emitido este 25 de setembro pola sección 1 do Contencioso Administrativo do alto tribunal a raíz dun recurso do Comité Intercentros da compañía pública, invalida a resolución emitida pola dirección xeral da mesma o 11 de decembro “por ser contraria ao ordenamento xurídico, condenando á Administración demandada a estar e pasar por dita declaración”. Atribúelle ademais os custos procesais. De presentar recurso, o ente público deberá facelo no Tribunal Supremo.

O documento, redactado polo maxistrado Benigno López González, indica que “non resulta de recibo atribuír ao director xeral da CRTVG [Alfonso Sánchez Izquierdo] a competencia para concretar o persoal que debe permanecer e cubrir, durante os períodos de folga, os servizos mínimos en programas informativos”. “Crebaríanse as naturais esixencias de neutralidade, obxectividade e imparcialidade que cabe agardar á autoridade gobernativa”, engade.

O texto lembra ademais que o director xeral “non pode adoptar unha decisión” ao respecto do “exercicio dun dereito constitucional” desde “unha perspectiva allea ás partes en conflito, precisa para estabelecer as medidas axeitadas que posibiliten harmonizar o dereito de folga e os servizos mínimos esenciais para a comunidade”.

Tamén refrenda o recurso da representación das traballadoras no que respecta aos servizos mínimos concretos esixidos no seu día e considera que “non consta unha motivación axeitada que xustifique a determinación dos efectivos que se fixa como servizos mínimos”.

Non é a o primeiro fallo xudicial por vulneración do dereito á folga.