Lonxe de recuar, a superficie de eucaliptos na Galiza poderá aumentar 3% até 2025

Eucaliptos na Galiza (Foto: Xunta)

A superficie de eucaliptos existente na Galiza poderá aumentar 3% até o ano 2025 e non comezará a reducirse até dentro dunha década. 

Até 3% poderá aumentar a superficie de eucaliptos na Galiza até o ano 2025, seguido dun lustro sen cambios (2026-2030) e non será até a partir de 2031 cando comece o recorte de eucaliptos, cunha redución de só 4% sobre a actual (2031-2035). E entre 2036-2040 espérase alcanzar un descenso de 5%.

Estas son previsións do novo plan forestal da Xunta -un documento aberto en que se traballa no  Consello Forestal, que entrará en vigor este semestre para os próximos 20 anos-.

A Xunta remarcou este domingo, 10 de xaneiro, que a posibilidade de crecemento de 3% será tomando como referencia a superficie de eucaliptos existente en 2018. As cifras provisionais do Inventario Forestal de Especies Produtivas do Norte Peninsular (IFNP), con datos de campo obtidos precisamente ese ano, en 2018, sinalan a presenza de 300.500 hectáreas de eucaliptais puros na Galiza, aos que se suman 121.700 hectáreas de forma mesturada con outras especies nas que se detecta a presenza de eucaliptos.

O plan da Xunta é eliminar 5% desas máis de 420.000 hectáreas de eucaliptos actuais no ano 2040, de forma que 20.000 se convertan en masas doutras árbores. Pero durante este lustro esa superficie pode incrementar até 3% sobre a actual cifra (unhas 12.000 hectáreas).

O plan forestal de 1992, que agora se revisa, prevía que en 2030 habería na Galiza unhas 245.000 hectáreas de eucaliptos. Unha cifra moi excedida na actualidade.

A previsión do plan forestal -que se presentará no Parlamento galego antes da súa aprobación no Consello da Xunta este semestre- é aplicar un programa para a transformación de 20.000 hectáreas de eucaliptais "degradados" de aquí a 20 anos. "As formacións obxectivo serán os eucaliptais de baixa produtividade e en estado de abandono", explica o documento marco no apartado relativo ao programa para o control desta especie.

De tal forma, actuarase especialmente naqueles eucaliptais que se atopen en zonas que "son reiteradamente obxecto de actividade incendiaria".

As "medidas de redución" non terán repercusión negativa na "capacidade de abastecemento" da industria pasteira, de fibra vexetal ou de madeira

A Consellería de Medio Rural estima que as medidas de redución "non terán repercusión negativa na capacidade de abastecemento" da industria pasteira, de fibra vexetal ou de madeira, entre outras, pois "as superficies para transformar correspóndense con áreas degradadas de escasa produción actual".

No caso concreto do castiñeiro, o documento contén unha liña estratéxica pensada para a conservación e posta en valor desta especie. Actuarase sobre 8.000 hectáreas nos próximos 20 anos para recuperar soutos tradicionais, mentres se plantarán 16.000 hectáreas tanto para a produción de castaña como para a xeración de madeira.

Tamén se activarán liñas de traballo para o control de especies invasoras como as acacias, cun programa que abarcará unhas 1.000 hectáreas.

Para a valorización de usos, fomentarase que as superficies dedicadas a pastos e forraxes sexan 100.000 hectáreas no primeiro lustro, mentres dentro de 20 anos chéguese a 225.000 hectáreas.