O total de usuarias con Covid-19 en centros de atención a maiores é de 484

Suman 27 casos positivos nas residencias en 24 horas

centrUn dos centros DomusVi. (Foto: Nós Diario)osmaiores
As residencias de maiores seguen a vivir un aumento de casos de Covid-19, e achéganse xa aos 500 positivos.

O número de usuarios de residencias de mayores diagnosticados de Covid-19 continúa en aumento e son 484, 27 máis dos que había no último balance ofrecido na sexta feira. Así, nas últimas horas notificáronse 44 novos contaxios entre residentes, dos que, 22 corresponden a un gromo detectado na residencia Vila do Conde de Gondomar.

Segundo os datos da Consellaría de Política Social, o total de positivos detectados en residencias de maiores é de 484, dos que, 114 están no centro Asilo de Vilalba, intervido na quinta feira pola Xunta, e que suma outros tres positivos que o manteñen como o xeriátrico con máis casos de toda Galiza.

Ademais dos 22 novos casos do gromo detectado na residencia Vila do Conde de Gondomar, que tamén ten un traballador infectado, súmanse ao cómputo outros sete usuarios coa Covid-19 da residencia Ballesol de Oleiros, con nove positivos en total, un na CRAPD Vigo I e cinco na CRAPD Vigo II, catro nos apartamentos titelados de Beariz e dous na residencia de Viana do Bolo.

Retíranse do cómputo de casos entre usuarias de centros de maiores un total de 17, oito deles por falecementos notificados na noite da sexta feira pola Consellaría de Sanidade. O resto, nove casos, corresponden a altas por Covid-19 dadas a usuarios da residencia DomusVi Coruña de Oleiros, seis, DomusVi Monforte, dous e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia cunha alta.

Os datos dos hospitais

A cifra de persoas hospitalizadas este sábado é 534, segundo o balance do Sergas (Servizo Galego de Saúde) e os datos da Consellaría de Sanidade. Isto supón, 35 persoas menos que as rexistradas na sexta feira. Tamén se comunica o descenso, nunha persoa, da cifra de ingresadas nas unidades de críticos (UCI), situándose nos 96 pacientes.

Con ese total de 534 persoas, das sete áreas sanitarias do país, descende o número de  ingresados en cinco delas pero aumenta en Compostela, cun ingreso máis, e en Lugo, onde hai tres novas hospitalizacións.

Así, a área con maior número de persoas ingresadas é a da Coruña-Cee, aínda que presenta no balance de hoxe unha baixada de 10 hospitalizacións menos respecto da sexta feira. O número total sitúase, deste modo, nos 162, dos cales 29 están na UCI.

Na área sanitaria de Vigo tamén se produce un descenso con 12 ingresos menos respecto da sexta feira e mantéñense 88 persoas hospitalizadas, das que 25 están en críticos , unha persoa máis, e 63 en planta.

En Ourense o rexistro marca sete pacientes hospitalizados menos, o que deixa a cifra total en 80. Pola contra, as unidades de coidados intensivos continúan atendendo a 10 persoas.

Na área sanitaria de Compostela-Barbanza, unha das que ascende en número de hospitalizacións, hai 52 persoas ingresadas, unha máis que na xornada de onte, delas 12 están en UCI.

Tamén aumentan os pacientes hospitalizados na área de Lugo, que ten, segundo a consellaría,  50 persoas ingresadas, tres máis que na véspera, de las que cinco están en críticos.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés baixan en nove as persoas coa Covid-19 hospitalizadas, até quedaren en 59, das que seis están na UCI.

Por último, en Ferrol baixa a 43 a cifra de persoas hospitalizadas, unha menos que sexta feira, e do total, nove permanecen na UCI, dúas persoas menos que na véspera.