Sanidade

Suicidios, a morte invisíbel

Entre 2010 e 2015, un total 1.938 persoas quitáronse a vida na Galiza. En 2015, a pesar do descenso a repeito de 2014, as mortes por suicidios duplicaron as derivadas de accidentes de tráfico. Malia estas cifras, as mortes autoprovocadas seguen a ser un tabú e un fenómeno estigmatizado. Eis un extracto da reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 237.

Hai todo un silencio ao seu redor. Un silencio ao redor das 1.938 persoas que se quitaron a vida entre 2010 e 2015. Un silencio entre as Administracións públicas, que seguen a eludir as mortes autoprovocadas. Un silencio entre as familias, afectadas polos estigmas e os prexuízos. Un silencio entre os medios de comunicación, que non o citan por medo ao efecto contaxio. Con todo, profesionais apostan en falar do suicidio para que deixe de ser a morte silenciada. Así o defende o Movemento Galego de Saúde Mental, creado en 2014 para denunciar o agravamento dos factores de risco de suicidio na Galiza no contexto de crise e de recortes na cobertura social. O colectivo cívico, do que forman parte máis de 20 entidades entre sindicatos, asociacións relacionadas co ámbito da saúde, colexios oficiais..., apela a sensibilizar e desestigmatizar o suicidio.

Os dados recentemente publicados polo INE ao redor das defuncións segundo a causa da morte en 2015 amosan un descenso no número de suicidios na Galiza, que pasaron dos 371 de 2014 aos 318 de 2015. Aínda así, o país segue a estar nos postos de cabeza en mortes autoprovocadas a nivel estatal. Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica e vocal da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, chama á necesidade de facer análises do fenómeno “para coñecer os múltiplos factores, desde individuais a contextuais, que levan unha persoa a quitarse a vida”. Miguel Anxo García, portavoz do Movemento Galego de Saúde Mental, advirte, en declaracións a Sermos Galiza, de que “non existen estudos epidemiolóxicos serios que permitan identificar as causas e os factores que se agochan detrás das taxas moi elevadas que temos en comparación co resto do Estado”.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 237, á venda na loxa e quiosques e puntos de venda habituais]