Saúde

Os suicidios e as autolesións multiplicáronse por catro en crianzas e adolescentes desde a pandemia

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, inaugurando este sábado a xornada. (Foto: Europa Press)
Entre os os factores de risco ou vulnerabilidade, o doutor Pedro Javier Rodríguez cita o acoso, as redes sociais, o contexto social, familiar e económico ou a incerteza.

O presidente da Sociedade de Psiquiatría Infantil da Asociación Española de Pediatría, Pedro Javier Rodríguez, reclamou este sábado en Santiago melloras nos recursos asistenciais de saúde mental infanto-xuvenil e un plan de prevención, alertando que, desde a pandemia, os suicidios e autolesiones multiplicáronse por catro en crianzas e adolescentes.

O experto participou na Cidade da Cultura nunha xornada formativa organizada pola Asociación Galega de Pedriatría de Atención Primaria na que tomaron parte máis dun centenar de profesionais, que abordaron novidades en cuestións como inmunización, dermatoscopia, asma, función renal e psiquiatría infanto-xuvenil.

Durante a conferencia de clausura, Rodríguez fixo fincapé en que, ademais dos trastornos psiquiátricos, na conduta suicida tamén existen outros factores de diversa índole —familiares, persoais ou sociais) dos que os pediatras deben estar formados para atender consultas sobre suicidio e adquirir habilidades para realizar unha entrevista con actitude de apoio e empatía.

O experto indicou que "a situación previa á pandemia xa era complicada para a saúde mental, pero despois dela, coa interrupción abrupta da socialización e a sobreexposición de información e a alarma continua", empeorou. Entre os os factores de risco ou vulnerabilidade, o doutor cita o acoso, as redes sociais, o contexto social, familiar e económico ou a incerteza. "Todos foron empeorando e con eles aumentaron as taxas de suicidio entre todos os grupos de idade", explicou o especialista.

A xornada, inaugurada pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, acompañada polas presidentas da Sociedade de Pediatría da Galiza, Susana Rey, e da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, Amparo Rodríguez Lombardía, tamén serviu para incidir na necesidade do "traballo conxunto de administración e pediatras para garantir que os nenos e as súas familias teñan acceso a unha atención de calidade", así como para reivindicar "reformas significativas para solucionar a carencia de pediatras" e mellorar as súas condicións laborais.

Entre os temas que espertaron máis interese tamén estivo o das novidades e inmunizacións para este ano, das que falou o coordinador do Comité Asesor de Vacinas da AEP, Francisco Álvarez. Para este experto, o calendario galego "é o mellor que hai agora mesmo, non só en Europa, senón no mundo". Del, ademais das súas vacinas, lembrou que, por primeira vez, inclúe os grupos de risco que son os nenos e nenas con enfermidades crónicas, que precisan máis vacinas que as que están sas.

Ademais, e tamén como novidade, as embarazadas cobran protagonismo neste novo calendario cun apartado concreto para protexer a saúde do bebé, aconsellándose a vacinación fronte ao tétanos, a difteria e a tosferina a partir da semana 27 de xestación, a vacinación Covid en calquera momento do embarazo e a antigripal se o embarazo coincide coa tempada estacional.

Durante a xornada tratouse tamén a asma infantil, a cargo de Francisco Álvarez Caro; a interpretación da función renal, por Adela Urisarri, e o manexo da dermatoscopia en pediatría, con Cristina Carrera, que introduciu aos profesionais sanitarios nos conceptos xerais desta técnica para estudar lesións cutáneas.