É suficiente o número de pediatras no Sergas? Os expertos consideran necesarios 100 máis

Unha manifestación de persoal sanitario en Compostela, no verán de 2019. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Colexio de Médicos de Ourense vai máis lonxe e insiste en que urxe incrementar "os persoais, os contratos estables e limitar o número de consultas diarias na Primaria" ante as dificultades que viven as e os sanitarios para facer o seu traballo nas mellores condicións.

O próximo 30 de setembro decorrerá na Coruña o congreso da Sociedade Española de Pediatría Extrahospitalaria e de Atención Primaria, mais na presentación deste evento, o presidente do comité organizador, o doutor Manuel Sampedro, recoñeceu que existe unha falla de pediatras no sistema público galego.

Aliás aludir ao incremento das patoloxías relacionadas coa saúde mental de crianzas e adolescentes pola pandemia da Covid-19, o facultativo recoñeceu que na Atención Primaria a nivel do Estado español "farían falla 5.000 pediatras".

Atendendo á ratio que lle correspondería ao país, calculou que o sistema público galego precisaría de "entre medio centenar e un centenar" de médicas e médicos especializados no tratamento das crianzas a maiores dos actuais.

Na mesma rolda de prensa, o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, afirmou que a xunta directiva que preside coincide co que "os compañeiros din no diagnóstico" sobre a denunciada "sobrecarga" de traballo no Sergas.

"Outra cousa é, a partir do diagnóstico, que é o que se vai a poder facer e é o que estamos a estudar", afirmou.

Dificultades e "desmotivación"

Tamén nesta segunda feira, a directiva do Colexio de Médicos de Ourense, advertiu do "momento moi difícil" polo que están a pasar as e os profesionais, situación pola que exixen que se aumenten "os persoais, os contratos estábeis" e que se limite "o número de consultas diarias en Primaria".

"O primeiro paso para resolver un problema é recoñecelo sen ambaxes, polo que non se pode dicir que hai unha situación de normalidade", incidiu a entidade colexial, que advirte de que entre as e os profesionais comeza a gañar terreo "a desmotivación".