Unha sucesión de sismos, un deles de magnitude 3, sacode Covelo

Mapa que recolle os sismos rexistrados nos últimos tres días (Infografía: Instituto Xeográfico Nacional).

O municipio foi epicentro nos últimos días dunha serie de tremores de magnitudes entre 1,6 e 3.

Unha sucesión de pequenos movementos sísmicos con epicentro no municipio pontevedrés de Covelo sacode a zona desde hai varios días, con intensidades entre 1,6 e 3 segundo a escala Richter, malia que non se rexistraron danos, segundo confirmaron fontes municipais.

Os rexistros do Instituto Xeográfico Nacional (IXN) recollen que o primeiro dos tremores foi percibido o pasado domingo, contra as 15.30 horas, e a magnitude foi de 2,3.

Na segunda feira rexistrouse outro tremor, pasadas as 21 horas, de magnitude 2. E na madrugada e a mañá desta terza tamén se detectaron varios movementos sísmicos.

Na madrugada desta terza feira producíronse varios terremotos de baixa magnitude

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, o primeiro deles tivo lugar á 1 da madrugada e alcanzou a magnitude 2,3.

Durante toda a madrugada producíronse pequenos terremotos, de magnitude inferior a 2, mais ás 8.33 horas desta mañá tivo lugar un tremor de intensidade 3.

Este sismo notouse en Covelo, As Neves, Mondariz e Ponteareas e, poucos minutos despois de que se producise, rexistrouse unha réplica de menor intensidade (2,4).