Suben os casos nas residencias, con gromos en Pontevedra e Gondomar

O número de infectados en centros de maiores sube a 431 (Foto: EP).

Após caer até os 400 o sábado, o número total de infectados en centros de maiotes sobe até 431

O número de usuarios de residencias de maiores da Galiza afectadas pola pandemia repunta este domingo após unha xornada na que se produciu un importante descenso nos casos. O cómputo sobe a 431 residentes infectadas ao detectarse un novo gromo na residencia Soremay de Pontevedra e 21 novos positivos na Vila do Conde de Gondomar.

Así se desprende do balance diario que este domingo trasladou a Consellería de Política Social con datos actualizados a este sábado. Deste modo, os 33 casos detectados non son compensados polas altas, que se limitan a dúas, ambas de usuarios da CRAPD II de Vigo.

Os 21 novos positivos entre as residentes da Vila do Conde de Gondomar sitúana como o segundo xeriátrico con maior número de usuarias afectados, cun total de 110. O impacto da pandemia no centro supérao só o Asilo de Vilalba, que continúa unha xornada máis con 117 usuarios con infección activa. En terceiro lugar está a residencia Pontevedra de Vilaboa, con 42 positivos.

Ademais, un novo gromo foi descuberto nos centros de maiores galegos ao dar positivo 12 usuarias da residencia Soremay de Pontevedra, que no último balance contaba só con dous infectados, polo que a cifra total elévase a 14.

No repaso polas residencias máis afectadas, após os centros de Vilalba, Gondomar e Vilaboa están as instalacións DoralResidencias de Mos (29 maiores contaxiadas), a San Antonio de Beariz (22), a San Salvador de Guntín (22) e a DomusVi Ribadumia (21). Tamén contan con anciáns positivas o xeriátrico San Cibrao de Cervo (13), o CRAPD Vigo II (8), a Ballesol de Vigo (6), a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (5) e o Apartamento Tutelado San Antonio de Beariz (5).

Ademais, hai dous usuarios contaxiados na Nosa Señora das Miragres de Barbadás, no centro Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa e no CRAPD Vigo I. Finalmente, os seguintes centros contan cun caso cada un: a residencia Caranza-Ferrol, DomusVi Ferrol, O Casón de Moeche, San José de Narón, As Fragas de Pontedeume, DomusVi Monforte, Irmáns Prieto do Carballiño, Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, Nosa Señora Valvanera de Cambados, Vivenda Comunitaria La Palmera 4 de Vigo e DomusVi Vigo.

204 traballadoras

En canto ás traballadoras destes centros con coronavirus, o cómputo total sitúase este domingo en 204, catro máis que este sábado. Isto débese a que deron positivo un total de nove empregadas -seis da Soremay de Pontevedra e tres de Vila do Conde de Gondomar- e recibiron o alta outras cinco -tres do Casón de Moeche e tres de DomusVi Ribadumia-.

Así, coa actualización deste domingo, Vila do Conde de Gondomar é o centro con máis positivos nos seus cadros con 22. Supera así ao Asilo de Vilalba, que ten 21, a Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, con 18; e a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 16.