LEI MORDAZA

A Subdelegación do Goberno multa unha preferentista por un comentario en Facebook

Preferentistas nunha mobilización

A policía local de Tui denunciou unha estafada no calote das preferentes por un comentario que escribiu no seu perfil de Facebook. A Subdelegación do Goberno impúxolle á acusada unha multa económica de 300 euros amparándose na Lei Mordaza aprobada polo PP.

A Plataforma de persoas afectadas polas preferentes do Baixo Miño denuncia máis unha multa a unha das súas activistas. Nesta ocasión a sanción vai dirixida contra Yolanda Viñas, veciña de Tui multada pola policía local após expresar a súa opinión na rede social Facebook o 7 de decembro de 2015.

É a primeira vez que un membro da Plataforma recibe unha sanción por expresar a súa opinión nas redes sociais

A policía local xustifica esta multa debido a un comentario que escribiu a tudense no seu perfil de Facebook cando facía referencia á publicación dun medio de comunicación. É a primeira vez que un membro da Plataforma recibe unha sanción por expresar a súa opinión nas redes sociais, ao entender a Subdelegación do Goberno que se lle falta ao respecto á policía.

“Falta de respeto y consideración a los miembros de Fuerzas y Cuerpos de Seguridad”

Na notificación recibida, a Subdelegación do Goberno acusa Yolanda Viñas de “falta de respeto y consideración a los miembros de Fuerzas y Cuerpos de Seguridad, al verter en su muro de Facebook descalificaciones hacía la Policía Local tales como "podedes botar a man as vosas partes e axitar enérxicamente como fixo algún de vos diante dos nosos vellos..." "ou e que non sabiades xa si as tiñades na bragueta ou no gorxa" "podedes collelos polo peito e mándalos para corte como tamén fixéstedes eos avós..." "podedes poñerlle un xeonllo na cabeza contra o chan como fixéstedes con Lois Baulo, un rapaz cunha gravísima discapacidade psíquica pero non violento que só pediu ir ó baño" "nos gañamos 44 xuizos aínda que fostes mentir ó xulgado...", hechos comprobados en las dependencias de la Policía Local de Tui, Tui (Pontevedra), a la 20:45 horas del día 08/12/2015”.

A sanción ten amparo na coñecida como “Lei Mordaza”, a Lei 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, aprobada polo Partido Popular no medio dunha forte contestación social. Así, na notificación saliéntase que os citados feito “sin perjuicio de lo que en su caso resulte de la instrucción del presente procedimiento, pueden ser constitutivos de la infracción Grave prevista en el art. 37.04) de la Ley 4/2015, de 30 de marzo, de protección de la seguridad ciudadana, sancionable con multa desde 100 hasta 600 euros, tal y como establece el art. 39 de la misma Norma”.

Multas da policía local de Tui

Segundo denuncia a Plataforma, só na comarca do Baixo Miño houbo 50 sancións (de 20.000 euros en total) que foron recorridas perante o Contencioso Administrativo e que concluíron cunha resposta favorábel ás persoas preferentistas.

"Os axentes mentiron", defende a Plataforma do Baixo Miño

Engade a plataforma que "só no Concello de Tui, algúns axentes da policía local impuxeron 10 sancións de 600 euros cada unha, unha multa de 500 euros e outra de 100". "Xa houbo resposta do Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra, onde se demostrou que estes axentes mentiron e as multas foron retiradas".