O subcomité clínico proporá estender na Galiza o certificado Covid en colexios e hospitais

imaxe de arquivo (Foto: Arxina).
Ante o aumento de casos. 

O incremento sostido dos casos activos en Galiza leva ao o subcomité clínico a aumentar a vixilancia e traballar no deseño de novas medidas, segundo indica a TVG.

"Temos identificados os dous grupos de idade onde temos a incidencia maior, é dicir, en que o virus está circulando máis: entre os menores de 12 e no grupo de idade de entre 30 e 50 anos", explica Pilar Farjas, membro do equipo de expertos que asesora a Xunta pola pandemia, nesta canle televisiva

Entre os de 30 e 50 hai entre un 14 % e un 17 % de non vacinados. E no seguimento dos contactos vese como os infestados desa franxa de idade son, na maioría dos casos, os pais dos nenos escolarizados. Forman pequenos focos familiares que poñen en risco os máis vulnerábeis, porque en UCI a maioría seguen sendo os de maiores de 70.

A segunda liña de traballo é estender o uso do certificado Covid nos ámbitos hospitalario e educativo, agora mesmo os contextos máis vulnerábeis. "É o obxectivo do certificado covid: reducir ao máximo a posiblidade de que entre en contacto nestes dous ámbitos".

Propoñerano os membros do subcomité clínico para acompañantes nos hospitais de día, unidades de diálise e de transplantes, hospitais de pacientes; e tamén nos centros escolares para monitores, pais ou visitantes.

Para os traballadores habituais a opción será ou certificado ou PCR frecuente, como se fai xa nas residencias sociosanitarias.
 A Consellaría avaliará estes consellos dos expertos tras a reunión que terán esta sexta feira.

Galiza comeza esta semana con 270 novos contaxios rexistrados de Covid-19, que supoñen unha trintena menos que a xornada pasada, e 2.696 casos activos, 189 máis que a xornada anterior, mentres que soben a 76 os pacientes hospitalizados por este coronavirus -tres máis-.