DANI CANDAL, SOBRE A OFENSIVA CONTRA AS LIBERDADES NA GALIZA

"A súa intención é clara: meter medo. De nós depende que non calle"

Daniel Candal [Imaxe cedida]

A actividade política relacionada coa súa militancia nacionalista na organización Galiza Nova levou a Daniel Candal a ser identificado pola Policía tres veces durante o exercicio 2014.

 

Dunha destas identificacións derivou unha sanción económica contra el e outr@s 2 compañeir@s por importe de 450 euros a raíz da elaboración dun mural en homenaxe a Pedro Galán Calvete, secretario de organización das Mocidades Galeguistas da Coruña fusilado polos fascistas en 1936 cando tan só contaba con 19 anos.

Un ano de identificacións, ameazas de sancións e sanción..

O primeiro foi nun escrache aquí na Coruña á conselleira de Traballo durante un acto. Eramos uns 20 rapaces e limitámonos a sacar unha faixa cando ela interviu. Desaloxáronnos a golpes e despois identificáronnos a todos e todas baixo ameaza de sanción. 

Outra identificación foi por repartir folletos políticos á saída dun partido en Riazor. Simplemente por iso identificáronnos a seis militantes de Galiza Nova coa ameaza de sanción por estar a facer un reparto seica que 'ilegal'.

A terceira xa foi algo máis serio. Estabamos a facer un mural de homenaxe a Pedro Galán, mozo galeguista asasinado no 36, perto de onde está enterrado. E estabámolo a facer, como sempre nestes casos, nun valado de propiedade municipal e que estaba bastante deteriorado. Cando levabamos uns 20 minutos nesa tarefa fixo acto de presenza un gran despregamento policial, con axentes a pé tres ou catro carros da policía, unha moto...e todo iso por tres rapaces que estabamos a facer un mural. 

Por esa acción si que houbo sanción económica?

Requisáronnos todo o material co que estabamos a facer o mural, o que xa valía uns cartos. Identificáronnos e si, despois veu unha sanción económica. Eran 150 euros cada un, ou sexa 450 euros en total.

Notas un aumento das medidas punitivas e sancionadoras en actividades e tarefas políticas que até non hai tanto non eran 'castigadas'?

Desde logo. O recruacemento das condicións económicas e laborais, entre outras, motivou un aumento da conflictividade. E isto veu paralelamente a unha aposta do poder en se dotar de ferramentas e leis cunha intencionalidade clara: crear medo, que a xente o pense dúas veces antes de se mobilizar ou protestar. Queren que o temor a sancións e outras cousas leve a que deixemos de facer cousas.

Consideras que está o nacionalismo entre os obxectivos deste aumento das medidas sancionadoras e represivas?

Son medidas que van dirixidas contra todo o que se opoña a esta situación, que queira mudar as cousas. E son medidas que en especial van contra a mocidade galega e a mocidade nacionalista en particular.

Queren meternos medo, esa é a súa intención. De nós dependen que ese medo non calle. Non nos van asustar, iso témolo claro. Máis ben todo o contrario: imos seguir adiante con máis forzas e máis animos. 

Entrevista que fai parte da reportaxe 'Man de ferro contra as liberdades en Galiza'  que aparece no nº 129 de Sermos Galiza, xa nos pontos de venda habituais ou na nosa loxa