"Stop xenocidio!": Volven saír ás rúas en solidariedade con Palestina

Concentración, esta segunda feira, en Vilagarcía de Arousa, en solidariedade co pobo palestino. (Foto: Iago Lorenzo)
A praza da Quintana acollerá este sábado a construción dunha bandeira mosaico

Baixo o lema "Stop xenocidio!", máis dunha trintena de vilas e cidades da Galiza saíron esta segunda feira de novo ás rúas para condenar o exterminio do pobo palestino a mans do Estado israelí e os "intentos do réxime sionista" de que o conflito escale até se converter nunha "guerra rexional"

Así o destacaron as entidades convocantes –Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin– na lectura dun manifesto sobre o que pairou o contraataque protagonizado por Irán, que a pasada fin de semana respondeu con máis de 200 drones e mísiles balísticos ao bombardeo de Israel sobre o Consulado iraní en Damasco, a capital de Siria, no que morreron varios altos cargos de Irán. 

Agora, Israel pide o apoio dos Estados Unidos de América (EUA) para efectuar unha resposta e estender así o conflito bélico por Asia oriental, ante o que as galegas e os galegos clamaron esta segunda nas rúas "Non ás inxerencias do Estado israelí en Oriente Medio!". 

Nesta liña, milleiros de galegos e galegas lembraron as perto de 33.800 persoas asasinadas polos ataques de Israel sobre a Faixa de Gaza desde que o pasado 7 de outubro o Estado israelí intensificou o asedio sobre o territorio palestino. Mentres, o total de persoas feridas, segundo comunicou esta segunda feira o Ministerio de Saúde de Gaza, supera xa as 76.400.

Son seis meses xa nos que as galegas e os galegos saen ás rúas de maneira incesante para exixir un cese o fogo "inmediato", así como a mediación da chamada "comunidade internacional", facendo unha apelación a recoñecer o Estado palestino, a suspensión do comercio de armas e dos investimentos en Israel, así como o bloqueo definitivo do comercio de armas con este Estado. 

Mosaico por Palestina

A solidariedade galega co pobo palestino volverá manifestarse o vindeiro domingo, 21 de abril. A praza da Quintana de Santiago de Compostela acollerá unha multitudinaria acción reivindicativa: a construción dun "mosaico por Palestina"

Unha gran bandeira deixará claro, máis unha vez, que o pobo galego está con Palestina nun evento no que tampouco faltarán a música e as intervencións artísticas. Para participar desta performance é necesario inscribirse enviando unha mensaxe a mosaicodia21@gmail.com.