Stop Eólicos Xurés Celanova impulsa unha campaña para recadar 3.000 euros e recorrer á xustiza dez macroproxectos eólicos

Protesta da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova contra o proxecto Monte da Neve. (Foto: Nós Diario)

A campaña de micromecenado do Fondo para a defensa xurídica das montañas da limia-xurés-celanova arrancou na plataforma 'migranodearena'.

Fondo para a defensa xurídica das montañas da Limia-Xurés-Celanova é unha campaña de recadación de diñeiro a través da plataforma migranodearena.org á que se poden realizar achegas na ligazón: https://bit.ly/3KBV0je, e tamén a través de bizum no teléfono 657231402, organizada por Stop Eólicos Xurés Celanova co obxectivo de costear os informes técnicos que se levarán diante da Xustiza ordinaria en canto a Administración conceda os permisos dos diferentes proxectos macroeólicos que afectan a estas comarcas do sur da Galiza.

A recadación, que comezou 23 de febreiro  estará aberta durante algo máis de dous meses, até o 30 de abril, e marcou o reto de conseguir 3.000 euros para destinar aos informes, o primeiro dos cales xa está en elaboración.

Non hai límite máximo nin mínimo para realizar as achegas, que se poden facer directamente na web por medio de tarxeta de crédito ou pay-pal. A plataforma migranodearena.org garante ademais que todos os cartos recadados serán destinados ao promotor, se alcance ou non a cifra do reto, e ademais, cada doazón recibirá un documento para poder obter a correspondente desgravación fiscal.

A día de hoxe, os macroproxectos eólicos en disputa seguen en tramitación e son PE Monte da Neve, PE Fontesanta (Monte Grande), PE Lamas de Feás, PE Lamas II, PE San Martiño, PE Mistral, PE Tramontana, LAT do Larouco, LAT do Xurés (até As Conchas) e LAT de Greenalia (até a Frieira no Miño), todos nesta zona do sur da Galiza.

A mediados do ano pasado esta plataforma denunciaba que máis de 14.500 hectáreas das montañas da Limia e Celanova están "en mans de multinacionais privadas". Acusaban varios alcaldes da zona de ser "cómplices" do espolio de terras altas para favorecer ás grandes corporacións enerxéticas.