Stop-desafiuzamentos exixe que a xustiza actúe de oficio para frear os despexos

[Acción en Compostela. Foto: Amaía]

No escrito entregado nos xulgados de Fontiñas, en Compostela, a plataforma cidadá recolle os puntos básicos da sentenza do Tribunal superior da UE ditada neste sentido no mes de marzo


A Unión Europea considerou "ilegal e abusiva" a lei de desafiuzamentos española.

Fíxoo nunha sentenza emitida no mes de marzo polo Tribunal de Luxemburgo (TXUE), en que se sinala que o mantemento da débeda após a execución hipotecaria é contraria á normativa europea que rexe os dereitos d@s utentes. Deste xeito, habilita a xuizas e xuices a paralizar despexos, tanto aqueles que están en curso como aqueloutros que se atopan pendentes de execución.

Amparándose nesta resolución, a plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos vén de entregar esta quinta feira nos xulgados de Fontiñas un escrito recollendo os seus puntos básicos e instando a xustiza a actuar de oficio nas execucións hipotecarias.

Fixérono nun acto reivindicativo, o segundo dos realizados neste sentido na capital galega. En novembro de 2012 o que reclamaron foi que se paralizasen todos os despexos até que o mencionado tribunal se pronunciase. Non recibiron resposta. Agora regresan, desta volta cunha sentenza do TXUE que avala as súas reivindicacións.