Stop-desafiuzamentos Compostela: ''O PP non quere solucionar o problema, só busca titulares bonitos''

Momento da rolda de imprensa [SG]
Stop-desafiuzamentos Compostela queixouse da "trampa" que supón o decreto do Executivo español, informou de que non saben "nada" das 200 vivendas que a Xunta ía por a disposición das persoas desafiuzadas (na Galiza son 510 cada mes) e cuestionaron a moción aprobada no pleno en Compostela por sinalar que se traballará "na liña do sinalado por Rajoy e Feijóo"


O Goberno español recoñece que en todo o Estado hai máis de 38 mil casas sen xente. Porén, a finais de novembro, cando anunciou o seu decreto contra os desafiuzamentos, sinalou que dispuña unicamente de 6 mil inmobles baleiros para poñer, con alugueiros baixos, a disposición das familias contra as que a banca executa as hipotecas. O ministro De Guindos contabilizou tamén o número de familias que verían paralizado o seu desafiuzamento, e falou de 120 mil.

O decreto, que saiu para diante no Congreso cos votos a favor de PP e UPyD, foi denunciado por numerosos colectivos sociais, incluída a asociación de consumidor@s Facua, que o tildou de "trampa" e recalcou que a paralización se fará só durante dous anos e que a norma non obriga aos bancos a renegociar o pagamento nin as condicións da hipoteca. Para alén da protesta social que se deu contra as execucións hipotecarias, xa foron máis dun e dunha @s afectad@s que se viron obrigadas ao suicidio.

Contra a estigmatización social

Sobre a "trampa" do decreto e sobre os "asasinatos" de persoas que xa non poden facerlle fronte á hipoteca e que se ven ás portas da exclusión social falaron esta cuarta feira tres voceiras da plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos de Compostela. Baixo o lema Desafiuzar = Asasinar, o 28 de decembro haberá concentracións na capital galega (Praza Roxa, 20h), en Lugo (Praza Maior, 20h), Vigo, Cangas do Morrazo, Pontevedra, Ribeira, Ourense e Ferrol (Praza Amada García, 19h)

Así as cousas, a plataforma cidadá enuncia que os casos que chegan a el@s en Compostela son "poucos", e identifican esta circunstancia "co modelo de sociedade en que vivimos" en que verse privad@ da casa por non poder pagala "é algo de que avergoñarse, leva parello un estigma social" que impide que as familias se revolvan contra os bancos. Visibilizar os casos, analizan, "é unha manifestación do fracaso".

Os datos do Consello xeral do poder xudical, sen desglosar, contabilizan na Galiza unha media de 17 desafiuzamentos por día. A Rede galega contra a pobreza calcula que cada un deles afecta unha media de tres persoas, polo que no País serían pola volta de 50 as que quedan sen vivenda entre que o sol sae e se pon. Porén, a plataforma de Compostela traballa unicamente con 15 casos en total, se ben apuntan que en Vigo o mesmo colectivo leva máis de 30 casos e en Ribeira "chegáronlles 17 dunha vez". 

Mulleres con crianzas ao cargo

O perfil das desafiuzadas é o dunha muller que pasou por unha situación de violencia machista e ten crianzas a cargo seu. Porén, trátase en todo caso de "traballadores con empregos precarios e que se lles concedeu unha hipoteca cando calquera avaliación do risco daría un impago", informan desde Stop-desafiuzamentos. Acrecenta a plataforma que non hai ningunha entidade bancaria que se libre de ser culpábel dun desafiuzamento pois en Compostela, nos 15 casos que levan, "temos de todos", e citan o Banco Pastor, o BBVA, Novagalicia Banco, o Banco Santander ou LaCaixa.

En Compostela, Stop-desafiuzamentos reitera que o alugueiro social e a dación en pagamento son "as solucións máis xustas", e quéixanse de que polo de agora tanto o Executivo español, como o galego como o compostelán, os tres en mans do PP, "non pretenden solucionar o problema, senón titulares bonitos".

Matizan que a moción presentada polo BNG en Compostela "era completa, ao recoller a penalización de entidades financeiras". Propúñase, efectivamente, que o Concello deixase de traballar cos bancos que botan xente da casa. Porén, non saíu adiante. "A que se aprobou foi a do PP, que di que seguirán a liña marcada por Rajoy e por Feijóo". Das medidas contra os desafiuzamentos anunciadas pola Xunta informan de que tampouco saben "nada".

O colectivo Fartas e a "loita necesaria"

Fronte á campaña en prol "dos titulares bonitos", Stop-desafiuzamentos Compostela foi titular nestes días en practicamente todos os medios da Galiza e en moitos do estranxeiro. O colectivo Fartas, que reivindicou o 'secuestro' do boneco do neno Xesús no portal de belén do Concello de Compostela, comunicouse coa imprensa a través desta plataforma cidadá.

"Secundamos a súa acción porque fai parte dunha loita necesaria, e porque conseguiu chegar á cidadanía para reflexionar sobre a situación que afecta a milleiros de familias". O 'desafiuzamento' da figura ornamental tivo tal repercusión que cruzou alén mar: foi emitida no informativo de Uruguai.