STEG recorre a convocatoria extraordinaria de prazas de inspección educativa: "Enmascara un ataque á independencia do corpo"
O Sindicato de Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) vén de recorrer a convocatoria de prazas provisionais de inspección educativa por considerar que supón unha "ataque" á independencia do corpo.
Nun comunicado, o STEG sostén que se trata dun despropósito normativo que pretende controlar o servizo de inspección "mediante persoas sometidas á súa vontade, prescindindo dos principios de capacidade, igualdade e mérito" que debe garantir calquera procedemento de provisión de postos de traballo na administración, así como "dos principios de independencia e imparcialidade, esenciais para desenvolver as funcións inspectoras".
O sindicato denuncia que esta convocatoria, realizada mediante resolución do 16 de outubro de 2024, "estabelece criterios de acceso totalmente arbitrarios e discriminatorios e ten erros de forma". Nun comunicado dirixido aos medios, o STEG informa de que recorreu esta convocatoria e solicitou a "inmediata constitución da lista de interinidades e substitucións do corpo de inspectoras de educación coas persoas que aprobaron un ou varios exames nos procedementos selectivos de ingreso do ano 2024 e anteriores".
Unha convocatoria inxustificada
Segundo indica, o corpo de inspección educativa de Galicia atópase nunha situación "precaria", con "insuficiente dotación de persoal" para desenvolver as súas funcións e garantir o respecto dos seus dereitos como traballadores públicos, que ten sobrecargado o servizo e os seus traballadores.
A organización censura que a Consellería de Educación persiste na súa negativa para constituír unha lista de interinos e substitutos coas persoas concorrentes aos procesos ordinarios de concurso-oposición, como se fai en todos os corpos educativos, o que permitiría, segundo sinala, unha cobertura áxil das vacantes que neste momento non se cobren.
"A creación da lista de interinidades e substitucións do corpo de inspección é un imperativo legal e tamén a forma máis respectuosa cos principios de igualdade, capacidade, mérito e publicidade nos procesos de provisión de postos de traballo temporal na administración pública", subliña o sindicato.
O sindicato denuncia que o procedemento extraordinario non está xustificado por motivos de urxencia, tendo en conta que, como a propia convocatoria sinala, o que se pretende é cubrir vacantes xeradas polos motivos habituais na función pública: xubilacións, incapacidade temporal, permisos e demais dereitos dos traballadores, sen que por tanto se poidan considerar extraordinarios ou imprevisíbeis.