STEG fai un chamamento á unidade sindical para negociar unha convocatoria de folga indefinida no ensino público
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) insta á CIG e a CSIF a reunirse para negociar unha convocatoria de folga indefinida na educación pública galega de cara ao curso 2025/26.
De acordo cunha enquisa realizada por esta organización a máis de 1.000 docentes "nos últimos días", a folga sería a medida de presión preferida para un "73%" dos profesionais. "O nivel de fartura é evidente", sinalaron, nunha rolda de prensa telemática ofrecida esta cuarta feira, a que a secretaria de Acción Sindical de STEG, Comba Campoi, e o responsábel de Organización, Miguel Paz.
Diagnóstico da realidade docente
Desde o STEG incidiron na necesaria unidade das organizacións que representan o profesorado e subliñaron que a "disposición á loita" está presente sempre que exista unha estratexia planificada, firme e colectiva.
Segundo reflicte o seu estudo, un dos "problemas máis graves" para os docentes é a "excesiva burocracia", sinalada polo 86% dos enquisados. Entre os máis mencionados están tamén o "exceso de horas lectivas" e as "ratios desmedidas" que, ao seu xuízo, persistirán tras a aplicación do acordo para reducilas que asinou a Xunta cos sindicatos CCOO, ANPE e UXT en 2023.
Ademais, STEG denuncia a "perda do poder adquisitivo" que afecta a docentes de todo o Estado e que cifran "nun 22%", aínda que en niveis diferentes en función da comunidade autónoma. PArao o sindicato, estas condicións reflicten un sistema que "non coida ao profesorado nin garante o dereito a unha educación pública de calidade".
"Forza conxunta"
A enquisa realizada polo sindicato tamén apunta a que 95% do profesorado opta pola unidade entre organizacións, á vez que 86% quere que se reediten as mobilizacións do curso pasado, convocadas por CIG-Ensino, STEG e CSIF contra o "acordo da miseria" do ano 2023.
Neste contexto, STEG propón unha reunión entre estes sindicatos na que a partir dunha "análise conxunta" se poida expor a folga como "unha ferramenta" de reivindicación, sempre que as outras dúas centrais estean de acordo, precisaron. "Non é tempo de accións illadas. É tempo de forza conxunta, de estratexia colectiva e de intelixencia e valentía sindical".