O ‘Stealthing’ ou retirar o preservativo sen consentimento será agresión sexual coa “Lei do só si é si”

Un preservativo (Imaxe: Nós Diario)

O termo inglés ‘stealthing’ significa “en sixilo” e serve para nomear un acto de violencia sexual que a coñecida como “Lei do só si é si” considerará agresión. Refírese a quitar o preservativo durante a copulación sen o consentimento da outra parte.

As organizacións defensoras dos dereitos sexuais das mulleres consideran que o stealthing debe ser tratado como unha violación. Un estudo de Alexandra Brodsky publicado en Columbia Journal of Gender and Law, da Universidade de Columna, pon de manifesto que é común entre persoas novas e sexualmente activas.

Aprovéitase un cambio de postura para retirar a protección sen que a outra parte se decate, a pesar das consecuencias para a saúde sexual e reprodutiva das mulleres. “Moitas experiméntano como unha grave violación á súa dignidade”, expresa a autora do estudo.

Avogadas expertas en delitos sexuais defenden que se a outra persoa non sabe ou non está de acordo na retirada do preservativo cométese unha violación, ao entender que se acorda ter relacións sexuais usando un preservativo e o home o quita sen dicir nada, xa non ten consentimento e constitúe unha manifestación de violencia e como un atentado á liberdade sexual.

Hoxe en día, quitar o preservativo sen que a outra persoa dea o seu consentimento é abuso sexual, aínda que non se recolle como tal no artigo 181 do Código Penal. Porén, a Lei orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, coñecida como “Lei do só si é si” recoñecerao como agresión sexual, de maneira que endurecerá as penas dos 4 aos 12 anos de cárcere.

Prevese que a lei comece a súa tramitación parlamentaria en setembro e porá fin á distinción que estabelece o Código Penal entre agresión e abuso sexual, de modo que todo acto sen consentimento será considerado agresión.

O xuíz interpreta

Hai escasa xurisprudencia ao respecto, e considerar delito ou non esta forma de violencia machista está suxeito á interpretación da xuíza ou do xuíz.

Na Galiza, a Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, nunha sentenza con data de 18 de xullo de 2017, pon de manifesto que “as probas referidas acreditan a existencia de relacións sexuais entre vítima e acusado” e afirma que “acreditan tamén, “conforme ás manifestacións da vítima, que nun determinado momento ela opúxose a seguir mantendo relacións sexuais, ante a decisión unilateral do acusado de quitar o preservativo, manifestándolle aquela a súa oposición explícita”.

A Audiencia de Pontevedra condenou o home como autor dun delito de agresión sexual, ao violar o acusado a muller.