‘Spiderman e eu’, a curta sobre o trastorno autista que continúa a gañar premios e recoñecemento

Foto de familia dos premiados en 'Emove Festival' (Foto: emove festival)

O festival internacional ‘Emove’, en Valencia, vén de premiar este traballo do CEIP Eusebio da Guarda da Coruña impulsado por Manuel Villar.

“É un traballo humilde, feito cun teléfono móbil e a ilusión de nenos e compañeiros”. Así resumiu este sábado o docente Manuel Villar Spiderman e eu, a curtametraxe que vén de gañar no ‘Emove Internacional Festival’ de Valencia o premio á mellor curta de ficción na categoría de educación especial. Un galardón recollido polo propio Villar entre os aplausos dos asistentes a este novena edición dun certame que reúne ensino e artes audiovisuais.

‘Spiderman e máis eu’ xa sabe o que é gañar premios con este traballo sobre a integración dun neno con trastorno de espectro autista (TEA). Un proxecto no que se implicou a comunidade escolar do CEIP coruñés.

Ao recoller o premio en Valencia, Villar destacou a importancia deste tipo de proxectos no marco “dos valores dun colexio público” e como este traballo audiovisual é un paso na defensa “da integración que todo o mundo ten que ter na nosa sociedade”.

Salientou este docente compostelán, que antes que profesor foi xogador de fútbol no Compostela, que os nenos participantes non tiñan “ningunha experiencia en actuar” mais que o traballo desenvolvido foi excepcional.

“Estamos moi contentos deste premio, uns premios do audiovisual que transmiten valores educativos”, dixo.

Entre os recoñecementos e galardóns que ten este  traballo está o Premio Zamburrioi do Festival Olloboi de Boiro, considerado como “os óscares galegos do audiovisual escolar”.